Unidas Podemos propón unha plataforma telemática de tramitación de licenzas na Coruña

LA VOZ

A Coruña CIDADE

Expón que o Concello faga público o número de licenzas concedidas de xeito mensual

28 mares 2023 . Actualizado ás 22:42 h.

O candidato de Podemos Esquerda Unida e Alianza Verde á alcaldía da Coruña, José Manuel Sande, lanzou un paquete de propostas relacionadas coa disciplina urbanística durante o debate realizado na tarde deste martes na sede de Ascega , apostando por crear unha plataforma telemática para a tramitación de licenzas onde a persoa solicitante poida facer o seguimento da solicitude a través de Internet.

A iniciativa de Sande, informan desde Unidas Podemos, é algo que xa está facendo o Colexio de Arquitectos para os seus colexiados e complementaríase con «un exercicio de transparencia» a o facer público o número de licenzas concedidas polo Concello de xeito mensual.

Respecto ao plan xeral, o candidato puxo sobre a mesa unha revisión do mesmo ao estar «obsoleto, o que acaba propiciando inseguridade xurídica, ademais de traballar para arranxar e clarificar a situación das alturas permitidas nos edificios de nova construción», sinalan. O compromiso é «pór freo á especulación e pór orde no departamento municipal».

O candidato subliñou que o problema das licenzas é practicamente «endémico» no Concello e hai que superar este contexto de «inacción» do goberno local con políticas eficientes. No anterior mandato, da Marea Atlántica, dixo Sande, a concellaría de Rexeneración Urbana «acadou un 40 % máis de licenzas concedidas que no período do Partido Popular e s conseguiu unha marca dos últimos 23 anos de licenzas de rehabilitación, segundo datos do Instituto Galego de Estatística».

No debate en Ascega, Sande apelou a un urbanismo respectuoso, sensato e centrado nos coruñeses, non na especulación que poida lastrar as contas públicas, pondo como exemplo o caso do edificio Conde de Fenosa.