Monte Alto e Canido, hermanados polas Meninas

La Voz

A Coruña CIDADE

Eduardo Hermida
Eduardo Hermida JOSÉ PARDO

A iniciativa do artista Eduardo Hermida vinculará aos barrios da Coruña e Ferrol

04 may 2016 . Actualizado ás 18:25 h.

«Son dous barrios con raza», afirma o pintor Eduardo Hermida. Monte Alto e Canido, dúas zonas moi populares e que están a experimentar unha nova vida, hermanarán ás cidades da Coruña e Ferrol a través da iniciativa artística das Meninas, un proxecto de arte rueira e reivindicativa que se converteu en referente internacional de intervención para a recuperación de espazos urbanos degradados. O artista ferrolán Eduardo Hermida, promotor da idea, ten o compromiso do Concello da Coruña para realizar este ano a iniciativa artística nos muros de Monte Alto, o que servirá, ademais, para establecer lazos entre os dous barrios.

«É unha idea que teño desde hai tempo. Son dous barrios con moitas similitudes e aos que eu estou moi vinculado. En Canido é onde nacín e onde vivo e traballo e en Monte Alto tiven tamén o meu estudo», apunta Hermida. As Meninas de Canido naceron fai xa oito anos coa idea de encher de cor os muros de vivendas abandonadas nun barrio entón nun profundo proceso de abandono. A idea mestura a reivindicación, a arte e a festa. Co tempo, máis de douscentos artistas han plasmados as súas interpretacións do cadro de Velázquez nas paredes do barrio.

As Meninas de Monte Alto, cuxo proxecto se concretará en datas próximas, ademais de achegar a dous barrios con similitudes xeográficas e que se converteron nos últimos anos en lugares de residencia de moita xente nova e espazo de creadores, vinculará a Picasso e a cidade da Coruña coa idea inicial. Picasso, que se iniciou como artista nesta cidade, foi un dos máximos expoñentes da historia da arte na reinterpretación da obra maxistral de Velázquez. En Canido celebrarase a nova edición a primeira fin de semana se setembro e en Monte Alto, o segundo. Implicarase a pintores, músicos e veciños do barrio coruñés e pensaranse accións concretas para formalizar o intercambio entre os barrios.

A repercusión acadada polas Meninas de Canido traduciuse tamén na aprobación polo pleno de Madrid de desenvolver en varios distritos da capital unha iniciativa similar, que contará co asesoramento do propio Eduardo Hermida.