O futuro do sóftbol xermina en Cambre

alba lópez, P. g. REDACCIÓN / LA VOZ

CAMBRE

PACO RODRÍGUEZ

A prata nacional sub-19 do feminino cambrés augura éxitos a curto prazo para esta disciplina en Galicia

19 jul 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

As xogadoras do Club Béisbol e Sóftbol Cambre veñen de conseguir a prata no Campionato de España sub-19 de sóftbol, onde unicamente o equipo anfitrión, o Sant Boi, foi capaz de superar ás galegas. Todo un logro para unhas mozas que se xuntaron cando tiñan 9 e 10 anos, e que aos poucos foron crecendo como grupo ata chegar á categoría júnior. Actualmente, é o único equipo feminino na súa totalidade do Club Cambre. As categorías inferiores do club son mixtas.

O porvir das cambresas augura ser prometedor. «O futuro é moi bo. É un equipo con moito talento» destaca Laura Paz, unha das adestradoras do conxunto Cambrés.

«Non se renderon en ningún momento, a pesar das súas capacidades. Nunca perden a esperanza», defende a outra adestradora María Fernanda Jover, que sinala que o esforzo e a perseveranza son dúas palabras que definen ás xogadoras do club. «Somos o único equipo que estando apartados sen xogar unha Liga regular e con menos traxectoria competitiva conseguimos competir contra bos clubs. Somos o equipo revelación», engade Laura Paz.

O sóftbol, unha disciplina similar ao béisbol, require de forza e resistencia para a súa práctica. Aspectos que dominan no conxunto feminino de Cambre. Segundo as súas adestradoras, son unhas mozas que co paso do tempo conseguiron ir de menos a máis, sendo actualmente unhas excelentes defensoras. «Saben onde colocarse, anticípanse ás xogadas», afirma María Fernanda Jover. Ofensivamente fraquean máis, pero se algo destacan as súas preparadoras é que «nos partidos decisivos estouran». As lanzadoras son outro dos puntos fortes do equipo. Saben controlar ao rival no terreo de xogo.

Despois de conseguir a prata no campionato de España, as galegas teñen agora outro obxectivo: conseguir unha División de Honra feminina.

Promesas internacionais

Tres xogadoras do club foron preseleccionadas para o Europeo sub-19 que se xogará en Barcelona en agosto. As lanzadoras Sarayd Ramil e Laura Otero (que xa participou o ano pasado coa selección española sub-16) e a catcher Sara Criado conseguiron entrar nunha primeira lista de 30.

Finalmente só a receptora Sara Criado, que se converteu na líder do equipo durante o campionato, atópase á espera de poder estar entre as posibles xogadoras que representarán a España o próximo mes na cidade condal.

O club cre necesario un campo propio para ascender á División de Honra

Chegar á División de Honra. Ese é o obxectivo a medio prazo do Cambre. Así o sinalou o corpo técnico do equipo. E a directiva reforza este discurso.

Segundo o club, para lograr esta meta é esencial ter un terreo de xogo propio e específico, no que poder desenvolver a práctica deste deporte. Por iso reivindican axudas económicas. «O futuro destas mozas é prometedor, pero hai moitas dificultades», defende o vicepresidente do club, Francisco Vidal.

Doutra banda, Avelino Otero, presidente do Cambre, sinala que «o sóftbol é un deporte minoritario. Case non hai interese do público, máis aló dos pais, amigos e coñecidos, a pesar de que hai moi bos equipos». «Agardamos que cos logros do Cambre, consigamos mais afección», engade Otero.

A próxima cita, en Cambre

As xogadoras cambresas terán unha oportunidade para facerse cunha praza na 1.ª División no campionato de España de Primeira División Nacional que se disputará en Cambre do 21 ao 23 de outubro, no campo Dani Mallo.

Se quedan primeiras conseguirán o seu obxectivo de poder ascender á División de Honra, máxima categoría do sóftbol. Pola contra, se as galegas non conseguen facerse co primeiro posto no campionato de España, terán que xogar o play off fronte ao penúltimo conxunto da clasificación.