Tarde de accidentes na área metropolitana coruñesa

La Voz OZA-CESURAS

BETANZOS

MARCOS MÍGUEZ

As ambulancias evacuaron a varios feridos en Abegondo, Arteixo, Betanzos e Oza-Cesuras onde unha muller foi excarcerada

09 feb 2024 . Actualizado ás 19:30 h.

Os bombeiros de Betanzos acudiron na tarde deste venres ao centro de Oza dos Ríos (Oza-Cesuras) onde se produciu un choque frontal. Unha condutora atopouse indisposta de forma repentina e chocou contra outro vehículo. A muller, excarcerada polos bombeiros, foi evacuada por unha ambulancia do 061 pero sen lesións de gravidade e totalmente consciente.

Case á mesma hora, ao redor das cinco e media, produciuse outra colisión na estrada de Cerneda, en Abegondo , con outro choque frontal que provocou feridas nalgún dos ocupantes. 

A tarde comezara cun choque por alcance na Travesía de Fisterra de Arteixo (ás 15.40 horas). Urxencias 112 recibiu a chamada da Policía Local pedindo axuda para unha muller que sufrira un lategazo nas cervicais, que foi atendida por outra ambulancia.

A última hora da tarde, en Betanzos rexistrouse outra colisión, na zona das Angustias, onde o condutor dunha moto foi evacuado tras chocar contra un turismo.