«Non hai nada peor que roubarlle as flores aos defuntos»

D. Vázquez ABEGONDO / LA VOZ

ABEGONDO

P.A.G.

Indignación en Orto, en Abegondo, polos furtos no cemiterio

24 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

«Parécenos unha falta de respecto», explica Marisol Bardanca, unha veciña de Orto , sobre os reiterados roubos que sufriron nos adornos florais no cemiterio parroquial. A igrexa de Orto está situada preto do encoro de Cecebre, ten vivendas a poucos metros, e leva pechada ao culto desde que un raio moveu o campanario en xullo do 2022. Con todo, o cemiterio situado no propio recinto do templo segue sendo lugar de visita para quen ten alí aos seus achegados. Marisol chegou a pór un cartel no enreixado de entrada, do que só deixaron as bridas que o suxeitaban, para intentar avergoñar ao autor destas subtraccións e alertar ao resto de persoas con sepulturas alí.

«A min róubanme case todas as semanas, pero non só a min, a unha amiga téñenlle levado todas», precisa, recoñecendo que a maioría das veces o ladrón vai escollendo as flores por todo o cemiterio. Son subtraccións que han ir a máis. «Comenzaron no verán por min e pola miña veciña María José, que temos os nichos xuntos», comenta, pero agora hai máis afectados. Creron que as obras que se están facendo para recolocar o campanario servirían para disuadir o ladrón, pero non foi así. «A , min téñenme roubados centros e ata as flores de Pascua por Nadal»apostila. «Irlle quitar as flores a quen non pode defenderse é moi triste, os que están alí non poden, pero eu vou facer o posible para saber quen é», explica, e aínda que di que os veciños descoñecen o modus operandi, creen que a maior parte das subtraccións prodúcense os sábados. «É cando normalmente se cambian as flores», explica.

Flores tiradas en el cementerio de Orto.
Flores tiradas no cemiterio de Orto. D. Vázquez

«Non sei se é para facer dano, ou para que», comenta entre sorprendida e indignada Marisol. «Eu teño chorado de rabia, porque que chegues xunto aos teus e que lle vaian quitar as flores aos mortos non ten explicación, cando un as pon de todo corazón», apostila.

«Xa lles dixen as miñas veciñas que se hai que acampar alí, fágoo», avanza. Considérao unha afronta máis sentimental que económica e por iso non ha ir a denuncialo á Garda Civil.

Dolores Vázquez

«Non hai nada peor que irlle roubar as flores aos defuntos», comenta a outra veciña, que recoñece que non é das afectadas, pero que se mostra preocupada pola situación en Orto e tamén polo atraso en poder celebrar culto alí.

Amparo Martínez é outra das veciñas á que lle desapareceron flores dos nichos. Corrobora o devandito por Marisol, que rouban en distintas sepulturas á vez que collen flores dun lado e doutro sen criterio aparente e aínda cando os longos das flores son distintos. «Cando lle poño semprevivas non lle deben de gustar, levan o resto das flores», explica a modo de anécdota.

«Eu, se non teño dispoñibilidade para poñer as flores, deixo que estean sen elas, porque poñerlle a unha persoa morta flores roubadas non é de recibo, polas de plástico ou non as poñas. Iso si, ás de plástico non van», recalca. Segundo explica, rouban as flores en distintas partes do cemiterio, tanto na parte traseira, que é menos visible, como no lateral. Ela, sospeita que o fan de noite.