O espazo municipal da Fábrica de Tabacos da Coruña, sen uso e a medio acabar sete anos despois

La Voz A Coruña / LA VOZ

A Coruña

MARCOS MÍGUEZ

O Concello da Coruña di que «este ano avanzará» na definición do espazo, de 3.200 metros cadrados, pero non deu detalles sobre os usos aos que se destinará

25 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Nunha sala diáfana da praza da Palloza o tempo quedou conxelado en abril do 2017. O espazo mide 3.200 metros cadrados e ocupa un lugar privilexiado na planta baixa dun dos edificios históricos con maior significado da cidade. A Fábrica de Tabacos, berce do movemento obreiro coruñés e da loita pola emancipación das mulleres, levantouse en 1804 sobre os antigos almacéns dos Correos Marítimos e 213 anos despois, nun estado deplorable ameazado pola ruína, rehabilitouse en virtude dun acordo entre a Xunta e o Concello para adaptar o edificio como sede xudicial.

Froito daquela cesión, asinada polo entón alcalde, Carlos Negreira, e o vicepresidente (hoxe presidente) da Xunta, Alfonso Rueda, reservouse un espazo independente para uso municipal, ao que se planeaba trasladar a área de Urbanismo, inicialmente, e despois, co cambio de goberno, o de Servizos Sociais, acomodado desde hai anos nun inmoble de Catro Camiños sen a amplitude e as condicións que require o servizo. 

Entrada por Ramón e Cajal

Xa no mandato de Xulio Ferreiro, o local adaptouse ás demandas que puxo sobre a mesa o goberno municipal. Debía ocupar unha zona separada do resto de dependencias e dispor tamén dun acceso único e independente do principal. Con ese propósito, a construtora modificou o proxecto orixinal para abrir unha entrada pola fachada que dá a Ramón e Cajal. Ao longo desa fronte de 93 metros de lonxitude, desde a avenida do Exército ata cale Avogacía, disponse o recinto do Concello, inaugurado o 1 de abril do 2017 despois de tres anos de obras nas que a Xunta gastou 16 millóns de euros, o investimento máis alto feita nunca nunha actuación xudicial en Galicia.

A inauguración, con todo, non deu paso á actividade. Si o fixo na superficie destinada a Audiencia, Fiscalía e Menores (15.500 metros cadrados), pero non na sede municipal. Impedírono desacordos entre as Administracións sobre baixantes, comunicacións, detalles do proxecto de acondicionamento e outros requisitos como a preceptiva licenza de primeira actividade, que o Concello denegou á Xunta. Ata setembro do 2018, en que finalmente se fixo efectiva a entrega.

Así quedou todo. Cinco anos despois, o espazoso baixo de Tabacos segue a medio rematar. Paredes con ladrillo á vista, vigas e viguetas de aceiro no teito sen rematar, alicerces de formigón sen revogar, chan sen pavimentar... E poucas expectativas de apertura. Por agora non existe un proxecto en firme e moito menos unha data para o traslado dos servizos. «Daremos os pasos para darlle uso público municipal ao longo do 2023», sinalaron fontes de María Pita a finais do 2022.

A comezos deste ano, a resposta apenas variara: «Está contemplado avanzar neste tema este ano», indicaron desde o goberno de Inés Rey , que non deron detalles sobre os usos aos que se destinará o espazo nin os pormenores da intervención. «Explicaranse máis adiante», puntualizaron.

Un local baleiro de 3.200 metros nunha das zonas mellor urbanizadas da cidade

Na contorna da antiga fábrica de Tabacos, «a cidade gañou unha nova sede xudicial, 20.000 metros cadrados de espazos públicos, o aparcadoiro subterráneo máis barato da cidade e máis de 160 vivendas de protección que se sortearon ante notario», subliñou un representante do Colexio de Arquitectos de Galicia sobre a operación que botou a andar no 2013 coa firma do convenio entre a Consellería de Xustiza e o Concello e catro anos máis tarde elevara o prezo da vivenda na zona a 2.500 euros por metro cadrado.

Neste novo ámbito a medio camiño entre Catro Camiños, Ramón e Cajal e o Parque Europa, dotado con superficies comerciais, unha oferta hostaleira renovada e espazos urbanos de calidade, o Concello busca usos para un local excepcional tanto polas súas dimensións como pola localización, accesibilidade e as posibilidades que ofrece aos servizos municipais.

Do seu destino inicial, que eran os seis departamentos da concellaría de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, repartidos por toda a cidade no mandato de Xulio Ferreiro, o baixo de Tabacos pasou a ser con Inés Rey o candidato ideal para as oficinas de Servizos Sociais. O local, sostiñan desde o equipo de goberno, proporcionaría unha contorna de traballo funcional para uns 160 funcionarios, coa consecuente mellora na atención aos usuarios. Pero tampouco quedaron aí as conxecturas. Outra posibilidade coa que se especulou apuntaba ao traslado a Tabacos do Arquivo Municipal, cuxo persoal denuncia desde hai tempo a precariedade de medios con que sacan o traballo adiante.