Ricardo Ferreiro, presidente Grupo Naturalista Hábitat: «Nunca debemos botarlle a man a unha víbora»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A Coruña

A Coruña

Un dos mellores herpetólogos (coñecedores de réptiles e anfibios) de Galicia é o presidente do Grupo Naturalista Hábitat.

17 may 2023 . Actualizado ás 17:33 h.

Herpetólogo: dícese da persoa que se dedica ao estudo de anfibios e réptiles. É a especialidade de Ricardo Ferreiro, presidente do Grupo Naturalista Hábitat.

—Hai serpes venenosas na comarca coruñesa?

—Si. Por sorte temos unha especie que é exclusiva do noroeste da península ibérica que é a víbora de Seoane. Un animal que, para cazar, utiliza o veleno.

—Onde se localiza?

—É moi frecuente en case todo os hábitats. Por exemplo, xunto ás zonas de cultivos, espazos húmidos, dunares, claros de bosque, etc. É un animal que está presente en moitos puntos da xeografía e moi ben distribuído.

—É venenosa?

—Si. Como todas as víboras, inocula veleno ás súas presas porque a víbora é lenta, as súas presas moitas veces son roedores e son rápidos. A súa estratexia é inocular o veleno: o animal escápase, segue correndo pero, aos poucos, para, morre e é cando a víbora pódese achegar a comelo.

—Cumpre algunha función positiva na natureza?

—Si. Como todas as especies que forman parte do ecosistema teñen a súa función e o seu nicho ecolóxico. E ademais de cumprir a súa función no ecosistema, é un animal protexido.

—Está en perigo de extinción?

—As súas poboacións están por baixo do que sería desexable. Todos os anfibios e réptiles están protexidos e ademais esta é unha especie que só existe no noroeste ibérico. Non hai outro lugar no universo no que exista. Entón, somos nós os responsables de coidar esas poboacións.

—Se é tan frecuente aquí, é doado toparse con ela?

—Si, hai moitos encontros próximos ou situacións nas que estamos preto dela. Moitas máis das que pensamos.

—Está a darme algo de grima oírlle dicir iso.

—Quero dicir que, simplemente, o animal cando nos detecta, escápase. Iso é o que pasa o 99,9 % das veces que nos atopamos cunha víbora. A maior parte das veces o ser humano non é consciente de que existiu ese encontro. Antes de que as persoas a vexan medio á sombra, entre a vexetación ou no bordo dun camiño. E cando pasa alguén, a víbora retírase discretamente e a persoa nin se dá conta. Isto é o que ocorre na maioría dos casos.

—En que punto da comarca é máis doado vela?

—En calquera zona verde, mesmo suburbana, ao bordo a cidade. Pode ser en Betanzos en toda a súa contorna, por exemplo, e na Coruña, na zona de Visma, Feáns… Calquera espazo que conserve algo de vexetación e de medio natural, aí atopámosnola/atopámonola. De feito, recentemente tivemos unha actividade na zona de Feáns, porque é un sitio onde é moi abundante. Presentámoslla a veciños para que a coñecesen e visen que é un animal valioso. Os nosos compañeiros David Dopereiro e Ismael Espasandín, dous expertos que están facendo un estudo sobre elas para a universidade, capturárona e mostráronlla aos asistentes para que a xente teña conciencia de que é un valor desta contorna e tamén para dicirlles o que non hai que facer. Sobre todo, para non ter que lamentar situacións que ás veces se dan.

—E que non hai que facer?

—Nunca debemos botarlle a man a unha víbora. Atacan cando se senten ameazadas. Iso é o que hai que ter claro.