Urbanismo aínda tardará tres semanas máis en instalar o banco protector na Marina

Xosé Gago / Brais Capelán A Coruña / LA VOZ

A Coruña

CESAR QUIAN

O Porto deu o seu visto e prace á obra o 10 de abril, o mesmo día que a pediu o Concello

04 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello licitará a colocación dun banco corrido ao longo do cantil da dársena da mariña a semana que vén. Segundo fontes municipais, está previsto que as obras duren dúas semanas, de maneira que o banco debería estar instalado por completo cara ao día 28 deste mes.

A posibilidade de colocar o banco corrido anunciouse o pasado 6 de abril, case unha semana despois de que o actor Mateo González perdese a vida ao caer á auga pola noite nas inmediacións do Club Náutico.

Un incidente similar saldouse coa morte, o 3 de marzo, de Manuel Rodríguez Gómez, un veciño de Mesía de 27 anos, que tamén caeu á auga de noite.

Á vista deses sucesos, o goberno local encargou un informe ao director de Seguridade Cidadá. Quedou listo o 4 de abril e propuña a instalación de , «un sistema de protección de caídas ao mar»dada a abundancia de edificacións de gran capacidade na zona -incluíndo hoteis, establecementos de lecer, edificios administrativos...-, o feito de que se trata dun espazo de tránsito nocturno e de que as fin# de semana se producen concentracións de xente.

O Concello enviou o informe á Autoridade Portuaria, que é a titular dos terreos, o pasado 10 de abril, acompañado dunha solicitude para instalar a peza de mobiliario urbano.

O Porto contestou ese mesmo día, dando a súa autorización e sinalando que non había inconveniente para facer a reforma.

Pero onte, cando pasaran 23 días desde ese intercambio de mensaxes e dous meses desde a morte de Manuel Rodríguez Gómez, a barreira recomendada polos responsables municipais de seguridade seguía sen estar colocada. O banco talvez evitase que, preto das dez da mañá, unha furgoneta da empresa contratada polo Concello para o mantemento dos subterráneos da Marina e o Parrote caese á auga, por fortuna sen ninguén no seu interior.

É máis, o Porto xa dera a súa autorización ao Concello para instalar novo mobiliario -bancos corridos- na Marina o 28 de agosto do 2015, cando se multiplicaron as queixas contra a obra recentemente estreada pola falta de vexetación e zonas de sombra. A Autoridade Portuaria deu a súa plácet o 1 de setembro, pero o goberno local non instalou eses elementos a pesar de que os adquiriu e están gardados nun depósito municipal.

Esa decisión estivo motivada polo estalido dun conflito entre ambas as institucións sobre a titularidade deses terreos, que o Concello reclama ao Porto, e este négase a entregar ata que a Administración local lle pague cinco millóns de euros que lle debe pola obra da Marina . Ademais de non colocar o mobiliario, o Concello tamén rexeitou afrontar as reparacións dos danos causados por vándalos na zona do Parrote, na que hai pezas de cristal rotas e outros danos que permanecen así desde o verán do ano 2015.

Dous meses desde o primeiro dos dous accidentes mortais

Durante a madrugada do venres 3 ao sábado 4 de marzo, Manuel Rodríguez, de 27 anos e natural de Visantoña (Mesía), perdía a vida tras precipitarse ao mar cando saía da discoteca O Pelícano, situada nos Cantóns Village. Hoxe cúmprense dous meses dese tráxico suceso, que precipitou acusacións cruzadas entre a Autoridade Portuaria e o Concello para tratar de esclarecer quen era o responsable da seguridade na dársena coruñesa.

Aqueles feitos tiveron a súa tráxica continuidade o 6 de abril coa morte de Mateo González, actor da serie Serramoura, que tamén caía á auga na Marina tras saír dunha festa posterior á entrega de premios de teatro María Casares. A celebración tivo lugar no Real Club Náutico, moi próximo ao lugar onde se precipitou semanas antes Manuel Rodríguez.

Os accidentes producíronse en zonas mal iluminadas. Houbo que agardar, con todo, ata o 13 de abril, para que o Náutico repuxese as lámpadas dos farois que levaban un tempo estragadas e técnicos do Concello e da Autoridade Portuaria reparasen as regletas luminosas do chan do paseo. Días antes, o concello asumira a necesidade de instalar o banco corrido como sistema de protección.