«Esta novela é unha homenaxe ás viúvas de vivos das que falaba Rosalía de Castro»

La Voz

A Coruña

benito ordoñez

A escritora presenta hoxe en Moito Conto «Terra sen homes», esta intriga familiar coa emigración como pano de fondo

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«Mateo comprou o local e continuou co seu ir e vir de América. A maioría das veces regresaba cos petos case baleiros e as súas historias inventadas, e Rosalía quedaba agardándolle, disposta a crerlle, traendo o leite das súas vacas e coidando das súas fillas e da terra». Estea parágrafo de Terra sen homes (Planeta) podería sintetizar a trama da novela que Inma Chacón (Zafra-Badaxoz, 1954) presenta hoxe, ás 19.00 horas, na librería Moito Conto da rúa San Andrés.

-Como chega unha estremeña a esta historia ambientada en Ferrol?

-A novela é pura ficción, pero está baseada na historia real da avoa dun amigo meu. Era unha muller de Covas (Ferrol), que tivo unha vida moi azarosa. Fun collendo elementos de Elisa e construín unha historia de ficción que quere ser unha homenaxe a Galicia, a esas mulleres que quedaron soas cando os homes se ían a facer as Américas; eles ían cos soños no alto e a maior parte das veces aquilo non era o Dourado que lles prometeron senón que tiñan que traballar nunhas condicións moi próximas ao esclavismo.

-Rosalía de Castro falaba das viúvas de vivos

-Esta novela é unha homenaxe a esas viúvas de vivos. Quería dalas a coñecer e darlles a importancia que tiveron non só en Galicia senón tamén en Asturias. E logo nos anos sesenta na miña terra, e en Andalucía. Agora as nais están vendo outra vez como se marchan os seus fillos. A emigración aféctanos a case todos .

-Respecta o nome de Elisa, a inspiradora da historia..

-O nome e algunhas cousas máis como que era costureira ou o buque Valbanera que sae e que tamén é real. Elisa tivo seis fillos e os personaxes da novela levan os seus nomes.

-Usa un bo número de expresións en galego.

-Teño unha prima galega e falei moito con ela, intentando captar ese son do acento galego, ese xeito de falar con xiros propios que quixen recoller.

-É unha historia feminista?

-É unha novela de mulleres onde os homes teñen unha transcendencia vital e mesmo cando non están presentes están a determinar o que lle ocorre ás mulleres. Os meus personaxes masculinos sempre son vítimas igual que as mulleres.