Unha profesora dun centro infantil da Coruña denuncia que lle prohiben usar o galego

María Ballesteros A Coruña

A Coruña CIDADE

Jungle World advirte nunha circular que o uso de idiomas distintos do español e inglés constitúe unha falta grave

14 oct 2015 . Actualizado ás 17:36 h.

Ana Belén Tajes, profesora de música do centro privado Jungle World da Coruña, denunciou esta mañá que a empresa na que traballa prohibiulle de forma expresa utilizar o galego no traballo, tanto nas súas clases como en calquera comunicación coas familias.

«O uso do español nas actividades de música e psicomotricidade (e calquera cuestión accesoria dentro do ámbito de prestación do servizo, como pode ser a comunicación con familias en axendas, boletíns, entrevistas ou calquera outro) é xa que logo un deber inescusable», sinala a circular entregada ao persoal, na que se advirte de que o incumprimento desta orde constitúe unha falta grave.

Tanta CIG Ensino como a Mesa pola Normalización Lingüística consideran que se trata dun claro caso de «racismo lingüístico» e reclaman á Xunta que investigue e, en caso necesario, sancione ao centro, que, segundo explica na súa web, dedícase a "servizos de garda e custodia, educación e ensino, lecer e entretemento, orientados ao público infantil".