A Marea Atlántica gana as eleccións do 24M na Coruña por catro votos

La Voz REDACCIÓN

A Coruña

PACO RODRÍGUEZ

O 100 % do escrutinio outorga o triunfo á formación de Xulio Ferreiro

26 may 2015 . Actualizado ás 00:35 h.

O 100 % do escrutinio confirmou a vitoria da Marea Atlántica na Coruña. Os resultados finais fixéronse agardar pero dan o triunfo ao novo partido por 4 votos, 36.842 por 36.838 do PP. A porcentaxe de votos de ambos os partidos é o mesmo, 30,89 %.

A xornada electoral do 24M deixaba o escrutinio da Coruña con pouco máis do 94 % contado. A Delegación do Goberno informou as incidencias que impediron pechar o escrutinio na cidade. O problema residía en 15 mesas que non se pecharon porque hai diferenzas entre os responsables de mesa e os interventores á hora de interpretar varios votos. En situacións normais, adoita haber acordo e a diferenza soluciónase no momento, pero existen casos en que hai motivos que impidían facelo.

A encargada de solucionar esta situación é a xunta electoral de zona. Tiña de prazo ata o día 30 de maio, pero a web do ministerio xa actualizou os datos. O resto segue igual, con 6 concelleiros para o PSOE de Mar Barcón e un para o BNG de Xosé Manuel Carril.

Esta mañá, Carlos Negreira insistía en que, segundo as actas dos seus apoderados e interventores, o PP podería ser o máis votado cando se confirmase o reconto definitivo dos «6.000 votos que quedan», con 54 votos por amais da Marea Atlántica. O alcalde saínte referiuse esta mañá ao resultado das eleccións sen saber aínda que a Marea saía vencedor no reconto total, o que deixa ao popular sen opción algunha de gobernar en minoría. A vitoria da alianza da que forman parte Podemos, Esquerda Unida, o Espazo Ecosocialista, Equo, Compromiso por Galicia, Anova e un amplo abano de pequenas forzas conseguiu imporse en feudos tradicionais do PP, como na zona centro, e en barrios tradicionalmente máis abertos.