O arquitecto Jesús Conde gaña o Premio Juana de Vega coa rehabilitación dunha vivenda de Santiago

Elena Silveira
Elena Silveira OLEIROS

A Coruña

El arquitecto Jesús Conde, ganador del premio Juana de Vega de Arquitectura.
O arquitecto Jesús Conde, gañador do premio Juana de Vega de Arquitectura. EDUARDO PEREZ

O proxecto seleccionado é a rehabilitación dunha vivenda no núcleo histórico de Santiago

11 oct 2012 . Actualizado ás 21:30 h.

O xurado do Premio Juana de Vega de Arquitectura, o de maior dotación de Galicia, galardoou na edición deste ano o proxecto de rehabilitación nunha vivenda situada no número 6 da rúa de Bonaval, en pleno centro histórico de Santiago. O autor do proxecto e propietario da vivenda é o arquitecto Jesús Conde García.

No acto de entrega celebrado onte pola mañá na sede da Fundación Juana de Vega , en Oleiros, tamén se entregaron dous accésits por unha casa situada no centro de Perillo (Oleiros) do arquitecto Emilio Rodríguez Blanco, e o conxunto de dúas vivendas unifamiliares encostadas situadas en Redes (Ares), do estudo Díaz e Díaz Arquitectos.

O presidente da Fundación Juana de Vega , Enrique Sáez, asegurou que o certame responde ao obxectivo de destacar, divulgar e pór en valor a boa arquitectura que se fai en Galicia. Tamén incidiu no peso que tivo a paisaxe urbana na novena edición deste premio. De feito, os tres proxectos premiados están situados en núcleos urbanos. Pola súa banda, o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, puxo a énfase na calidade das obras presentadas ao premio: «Cada ano é superior, aínda que nestes anos de crise hai menos construcción. Pero o que se fai, faise con calidade», indicou.

O gañador do premio, Jesús Conde, comentou que o proxecto mantivo a fachada principal e abriu a interior a un patio que achega luz a toda a casa. Tamén vertebrou a vivenda a través dunha escaleira que dá fluidez vertical á estrutura. O xurado destacou esta vivenda de Santiago por ser «un magnífico exemplo de como se pode facer arquitectura moderna, cun deseño preciso, para recuperar unha casiña».

En canto á casa de Perillo, o xurado sinala que cumpre o obxectivo de integrar unha casa moderna «nun contorna diversa e desetruturado».