Un escenario de doce recordo

Miguel Álvarez LUGO / LA VOZ

CDLUGO

RUBÉN LAGO

O Lugo regresará pasadomañá ao estadio no que ascendeu

06 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Dentro dun par de meses cumprirase un lustro desde que o Lugo asinou o regreso á categoría de prata. Fíxoo no Ramón de Carranza, cunha agonía que se prolongou ata os penaltis. Pasadomañá, os branquivermellos retornarán ao campo do Cádiz. Nesta ocasión, o obxectivo garda algúns paralelismos co de fai cinco anos. Ambos os conxuntos queren embarcarse nun último esprint cara á promoción.

Dous Sobreviventes

Manu e Pita continúan no equipo do Anxo Carro

 O paso dos anos ha ir afastando aos heroes do ascenso do Lugo. Os dous últimos que aínda visten a camiseta branquivermella son Manu e Pita. O primeiro, que non dispón de gran protagonismo desde hai semanas, foi o autor do penalti decisivo na quenda do Carranza. Bateu a Aulestia e confirmou o ascenso dos branquivermellos. O segundo goza de máis oportunidades, aínda que perdeu presenza en detrimento de Sergio Gil en xornadas recentes.

Durante a súa andaina en Segunda, o Lugo incorporou ás súas filas a varios xogadores que formaban parte daquel Cádiz. Tal é o caso de De Coz, David Ferreiro ou o dianteiro Juanjo.

Escenario

Un marco complicado

 O Cádiz mostrouse forte como local no que vai de tempada. É máis, os andaluces unicamente perderon tres encontros diante da súa afección. Foron os disputados contra o Oviedo (0-2), o Valladolid (0-1) e o Tenerife (0-1).

O Lugo deberá deixar a portería a cero, como xa fixo na última xornada contra o Reus, para aumentar as opcións de éxito en terras andaluzas. Os branquivermellos recibiron algún tanto en todos os seus desprazamentos dos seis últimos meses. Ante o Almería, o 24 de setembro, produciuse o último encontro no que non recolleron o balón das redes.

Precedente

Revés na primeira volta

 O Cádiz impúxose ao Lugo no partido da primeira volta. Os andaluces, que chegaron ao Anxo Carro en postos de descenso, saíron reforzados tras aquel triunfo (0-1). Un mes e medio máis tarde, ingresaban en prazas de promoción tras bater ao Zaragoza por 3-0.

Iriome, descartado para o choque da fin de semana

A pesar de que Iriome entrou na última fase para recuperarse da lesión que sufriu no partido contra o Mirandés, aínda non estará dispoñible para visitar pasadomañá o campo do Cádiz. Se non xorden contratempos, o extremo dereito si podería estar en condicións de reaparecer no choque do domingo 16 (ás 18.00 horas) ante o Oviedo no Anxo Carro.

Confirmada a baixa de Iriome, o conxunto branquivermello tampouco poderá contar no Ramón de Carranza con Igor Martínez nin Adrià Carmona, que permanecen á marxe do grupo por lesións de longa duración.

O conxunto de Luis César realizará hoxe pola mañá o último adestramento antes do partido contra o Cádiz. A sesión de traballo foi programada en horario matinal no Anxo Carro.

«O ritmo de partido é máis alto aquí», afirma Kravets

Vasyl Kravets debutou a pasada fin de semana coa camiseta do Lugo. «Custoume entrar, pero leveime unha gran alegría ao decatarme que ía estar no once. Ao final, a satisfacción foi dobre, porque xoguei e gañamos», manifestou o ucraíno.

Sobre o fútbol español, o lateral branquivermello indicou que «o ritmo de partido é máis alto aquí, con transicións moi rápidas». Kravets tamén falou das súas sensacións coa camiseta do Lugo: «Estou bastante satisfeito, pero non ao cento por cento. A idea era centrarme en defensa para non conceder espazos nin cometer erros».

O lateral ucraíno tamén se mostrou compracido coa inchada branquivermella: «O Lugo é un equipo que ten unha gran afección e é unha alegría ver cada semana o estadio case cheo e a xente animando».