Muíño propón Pedra Vixía de alternativa para a Carballeira

V. Couto / J. V. L. CEE / LA VOZ

ZAS

PROPIAS

O alcalde insiste en que só pode pagar pola leira o taxado

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, recoñeceu onte no Cita co Concello de Radio Voz Bergantiños que non houbo avances nas negociacións para facerse cos terreos da Carballeira de Baio e ve complicado que por parte do Concello póidase mellorar a oferta «porque as Administracións públicas teñen poucas posibilidades de negociar. É unha taxación feita por un funcionarios e de aí non te podes mover. Non ten nada que ver cunha negociación entre particulares. En calquera caso, 30.000 euros, algo más de 1.300 euros por ferrado en terreo rústico paréceme un prezo moi razoable», afirmou.

Por todo iso, a próxima semana manterá unha reunión con Adro, a entidade organizadora da festa, para ver que intencións ten. No caso de que non sexa posible usar esa leira, a alternativa sería Pedra Vixía.

Polideportivo de Baio. Muíño volveu insistir en que en ningún momento houbo un perigo eléctrico nas instalacións, porque os cables soltos aos que se refería o portavoz do PP, David Gómez, son de secamanos fóra de uso e que, xa que logo, non están conectados á corrente. «Paréceme irresponsable dicir que está nun estado lamentable», sinala Muíño, cando os servizos funcionan, é unha das instalacións máis utilizadas da comarca e acábase de acondicionar toda a contorna exterior.

Gripe aviaria. O alcalde denuncia que se decataron da orde para realizar un censo dos galiñeiros a través dos medios de comunicación, porque nin sequera recibiron unha carta da Administración Autonómica. «É curioso que cando a Xunta quere facer algo de maneira rápida e eficaz recorra aos concellos», sinalou Muíño, quen destaca que moitos veciños se toman con humor esta directriz. «Preguntan se lle hai que poñer nome as galiñas. Entendo que si, por se nalgún momento queren pedir un certificado de empadroamento», chanceou tamén el.

Cabalos de Pico de Meda. «É triste, pero eu entendo que se estás facendo algo de maneira altruísta, nun espazo que non estaba sendo utilizado, axudando a manter limpo o monte de xeito ecolóxico e o único que che poñen son trabas, que o deixen», afirmou Muíño, para quen é precioso ter claro «de quen é a responsabilidade», que, ao seu xuízo, recae directamente na Xunta que «é quen pon estas normativas e debería dar as axudas».

Autovía. Que a vía de alta capacidade da Costa da Morte quede nun corredor en Vimianzo, evidencia que as loas do PP autonómico á comarca «son só palabras» e debería empezar a supor «que a xente castigue [electoralmente] a quen lles minte» porque o déficit de infraestruturas na zona supón «unha marxinación histórica» e que a renda per cápita da comarca non se corresponda coa doutras zonas costeiras de Galicia.

Tanatorio. A partir de que entre en vigor o novo orzamento o mes que vén, o alcalde di que poderán empezar a contratar a primeira fase da obra.