O executivo local di que a débeda do Concello de Ponteceso ascende a 3 millóns de euros

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana García

O alcalde, José Manuel Mato di que o «97,33 por cento do endebedamento municipal foi contraído antes da chegada do actual equipo de goberno». O exmandatario Lois García Carballido, acusa o PP de «mentir»

27 abr 2024 . Actualizado ás 18:22 h.

O Concello de Ponteceso arrastra unha débeda de case 3 millóns de euros, «máis do 97% dela contraída nos anteriores mandatos», segundo explicaron desde o executivo local, presidido polo conservador José Manuel Mato.

Para argumentar estas cifras, o goberno municipal «puxo en marcha unha auditoría externa» e así analizar os servizos e prezos das facturas pendentes de pagamento entre os exercicios 2020 e 2023. Unha vez completado a análise contable e financeiro, o Concello «abonará todos os pagos a provedores co remanente de 1,58 millóns do que dispón na actualidade». Despois do pagamento destas facturas, «alcaldía analizará xunto co servizo de intervención de que xeito se pode utilizar o saldo restante».

Pero o alcalde xa deixou claro que a situación das arcas municipais é preocupante: «Na actualidade, as contas locais reflicten unha débeda de 2.984.375,95 euros, dos que 1.796.467,38 euros corresponden a endebedamento bancario e 1.187.908,57 euros están pendentes de pago a provedores». E engadiu: «Deses 2,984 millóns totais de débeda, 2.874.493,18 euros se corresponden a anteriores mandatos. O que é o mesmo, o 97,33 por cento do endebedamento municipal foi contraído antes da chegada do actual equipo de goberno. Porque ao diñeiro a deber a entidades bancarias con créditos firmados na súa totalidade en etapas previas á actual, súmase tamén unha alta porcentaxe das facturas: dos 1,187 millóns a pagar, 1.105.025,80 euros corresponden a cargos adquiridos entre os anos 2020 e 2023».

Ante esta circunstancia, o equipo de goberno de Ponteceso resultante das eleccións de maio do pasado entende que «a xestión máis responsable pasaba pola posta en marcha dunha auditoría externa que analice todas e cada unha das facturas sen abonar entre os citados anos 2020 e 2023. Dita análise xa está en marcha, estará rematada nos vindeiros días e ofrecerá uns resultados que serán igualmente comunicados aos veciños e veciñas».

A través desta auditoría externa, o goberno local pretende certificar dúas premisas craves antes de satisfacer calquera contía. «Por unha banda, a existencia da obra ou servizo que indica a factura. Pola outra, se o seu importe se axustaba ou axusta aos prezos de mercado no sector en cuestión».

Unha vez completado a análise financeira das contas públicas municipais e esta auditoría quede informada por intervención «o executivo local dará a orde para formalizar os pagos a provedores. Farao utilizando o remanente de tesourería dispoñible para gastos xerais, que na actualidade é de 1.581.410,83 euros». Deste xeito «quedarán saldadas todas as débedas pendentes con provedores por servizos que se acrediten como realizados e que contasen cun prezo dentro do seu índice. Unhas débedas que pertencen, na súa gran maioría, ao mandato anterior».

Tras o pagamento das facturas, alcaldía e intervención reuniranse de novo para analizar a posibilidade de reducir débeda bancaria ou acometer novos investimentos co remanente resultante.

Versión de García Carballido

Pola súa banda, o exalcalde e portavoz do PSOE, Xosé Lois García Carballido, negou a versión ofrecida desde o executivo: «O PP e o señor Mato teñen a mentira por bandeira. No último mandato, que é do que se fala, os concelleiros do PSOE e o entón alcalde non cobraron un so euro do Concello, mentres que eles se puxeron moi bos soldos e, incluso, pagan polo asesoramento. Dende que o señor Mato está no Concello, o tecido asociativo de Ponteceso no percibiu un so euro en axudas». E engadiu: «Cada ano liquidabamos os orzamentos municipais con superávit e sen ter que subir os impostos aos veciños. Foi así como acadamos 2,2 millóns de euros de remanente en todo o mandato. Por certo, foi o PP, xunto cos tránsfugas, os que se opuxeron en ata tres ocasións, a que os provedores, autónomos e empresarios cobraran as súas facturas. Entre os que se opuxeron se atopa Raquel Fondo, integrante do actual goberno. Pero os provedores cobraron grazas ao ministerio, non grazas aos concelleiros do PP ni aos tránsfugas».

Sobre a débeda bancaria da que falan no executivo, Carballido negou de forma taxativa que teña que garde relación coa xestión socialista: «En oito anos de goberno xamais pedimos un crédito bancario. Todo o que hai pendente é da época do PP [en relación a José Luis Fondo]. Quero recordarlle ao señor Mato que cando o PSOE chegou ao Concello, no 2015, había 5,5 millóns de débeda e logramos reducila grazas á boa xestión. Eses 3 millóns dos que fala o señor Mato son mentira».