Ponteceso porá en marcha un programa de compostaxe doméstica

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Os interesados recibirán a formación e os materiais necesarios para pór en marcha o sistema e iniciarse na autogestión dos seus residuos orgánicos

26 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Ponteceso pon en marcha un programa de compostaxe doméstica para fomentar esta práctica entre os seus veciños e, de paso, aforrarlle algo de diñeiro ás arcas municipais ao reducir o volume de residuos enviados para o seu tratamento e xestión.

Deste xeito, ás persoas interesadas que dispoñan dun terreo o consistorio facilitaralles tanto a formación como o material necesario para iniciarse na autogestión dos seus residuos orgánicos. Así, ademais de estar a coidar o medio ambiente tamén obterían como resultado un «excelente abono para as súas terras», explica o Concello.

Os interesados poden anotarse xa no consistorio, ben de xeito presencial ou ben de forma telemática, e unha vez completado o rexistro haberá unha xornada formativa na que se entregarán os materiais e explicaranse as claves deste proceso.

Para profundar máis no asunto, o executivo local promoveu recentemente uns obradoiros sobre compostaxe nos colexios Eduardo Pondal e As Forcadas. Aprenderon tanto os alumnos como o propio profesorado.