Adega «premia» co seu Dioxina 2023 ao patrón maior de Muxía, Daniel Castro

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

ANA GARCIA

Fanlle chegar este título polos insultos públicos aos ecoloxistas e por ter considerado o Prestige como «o mellor parón biolóxico que tivemos na historia»

01 may 2024 . Actualizado ás 09:11 h.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, fallou este martes os seus Premios Osíxeno e Dioxina 2023. Cos primeiros recoñecen a persoas e entidades que ao longo dese ano demostraron actitude e comportamento destacados na defensa do medio ambiente galego, mentres que cos galardóns Dioxina diríxense a aquelas persoas ou entidades que mostraron unha actitude agresiva e contraria á defensa do territorio e do seu patrimonio natural e cultural. O Osíxeno de Honra vaise para Daniel López, o individual para Rogelio Santos e o colectivo para Noia Limpa.

É o Dioxina individual o que chega á Costa da Morte, ao patrón maior de Muxía, Daniel Castro, «polos insultos profesados publicamente contra as persoas e entidades ecoloxistas que lexitimamente se mobilizaron pola defensa das costas e criticaron a xestión política da crise dos pélets», abunda Adega. Ante os medios e o conselleiro do Mar, Castro dixo que o Prestige fora «ou mellor parón biolóxico que tivemos na historia». Os galardóns de Adega concederanse o próximo 11 de maio, ás 13.30, no Edificio de Multiusos de Melide. Entregarán como premio unha escultura de Nacho Porto.