Renuncia Manuel Liñeiro, cura en activo desde hai case 70 anos, e 40 deles en Muxía

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Ana García

Ten 95 anos e pasa unha tempada en Andalucía, mentres un sacerdote de Fisterra asume temporalmente a parroquia

26 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Manuel Liñeiro Lema, párroco de Muxía desde fai corenta anos, renunciou a seguir exercendo o sacerdocio de xeito ordinario. Deixouno hai unhas semanas, e desde entón é un sacerdote da unidade pastoral de Fisterra o que se encarga de substituílo, ata que o Arcebispado designe ao seu sucesor. Esta decisión non debería demorarse moito, segundo fontes eclesiásticas.

Liñeiro ten 95 anos, cumpridos o 29 de xaneiro. Pasa agora unha tempada en casa dunha familiar en Andalucía . Levaba case setenta de sacerdocio activo, e era (é) xa que logo un dos máis veteranos de Galicia. Natural da parroquia muxiana de Moraime , do lugar de Ribas, ordenouse sacerdote o 19 de xuño de 1955. O seu primeiro destino foi Santo Ourente de Entíns, en Outes , e no 57 asumiu Santa María de Roo, en Noia , á que máis tarde uniría Santa Cristina de Barro.

Ana García

En 1984 xa se foi para Muxía, a súa terra natal, aínda que para a parroquia ao lado da súa, durante bastante tempo tamén con Morquintián e Touriñán. Nos seus tempo noieses e outienses tamén foi capelán de Fenosa , pola central eléctrica de Roo que tiña alí a empresa. Foi unha época de moito traballo, ademais do pastoral, na que mesmo axudou á introdución do kiwi en Galicia, un froito que entón ninguén quería, como lembrou nalgunha entrevista.

Liñeiro, home de trato serio, ao que a saúde lle permitiu seguir con forza ata idades pouco habituais a pesar dos problemas da idade (incluído un marcapasos), sufriu un forte impacto persoal co incendio do santuario, en decembro o 2013. O novo retablo queda como tarefa pendente ao que veña no seu lugar, que tamén lle preparará unha homenaxe. A súa última Barca, a cargo de todo, foi o pasado setembro.