Cris e Sharick, estudantes en Muxía: «Seremos as primeiras hostaleiras formadas da familia»

Melissa Rodríguez
Melissa R. S. CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Cris
Cris ANA GARCÍA

Orixinarias de Cali, levan case dous anos na Costa da Morte e cursan o primeiro ciclo de FP básica dual de Cociña e restauración do IES Ramón Caamaño

16 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Formar persoal cualificado é un dos retos da hostalería. Esta semana inaugurouse o primeiro ciclo de FP básica dual de Cociña e restauración do IES Ramón Caamaño, de Muxía , unha acción formativa moi demandada na Costa da Morte desde facía anos. Alí estudan Cris Dayán Solarte e Sharick Nicol Muñoz Solarte, sobriña e tía, respectivamente, de 19 e 17 anos. Son orixinarias de Cali, Colombia, e levan asentadas na comarca preto de dous anos. A esta zona chegou primeiro a nai de Cris e irmá de Sharick.

Contan que pertencen a unha familia na que a maioría traballan en bares e restaurantes de varias zonas de España, de modo que é un oficio que coñecen de preto e que lles atrae. Iso si, avanzan que serán as primeiras da súa contorna con estudos especializados cursados. Niso andan.

Sharick
Sharick ANA GARCÍA

Sharick estaba estudando o ano pasado a ESO no centro, e nada máis decatarse de que en setembro daría comezo este ciclo, non llo pensou dúas veces. Pola súa banda, Cris decatouse do mesma pola súa tía e viuno interesante, tendo en conta que en Muxía e os arredores é un sector crave, recoñece.

«Mellor formarme, a ir traballar e non saber facer nada. Nestes meses aprendín moito. Gústame», comenta. Mesma opinión comparte Sharick: «Gústame moito o ciclo, que é moi entretido, e o sector. Teño ganas de seguir aprendendo».

Polo momento recibiron nocións teóricas e prácticas para ser unhas excelentes camareiras: «Como facer unha comanda, coller a bandexa, preparar cafés, tratar aos clientes...», describen. Agora comezarán un período remunerado en varios negocios do municipio e os arredores para completar a súa formación neste sentido. O próximo curso, o segundo e último, explorarán o mundo da cociña. «Dinnos que é moi probable que salgamos xa cun traballo nas propias empresas, e coa formación tamén teremos máis oportunidades no mercado laboral», conclúen. En todo atopan vantaxes.