Paseo polo amor e a Costa da Morte

ignacio vilar

FISTERRA

j. m. casal

Ignacio Vilar, director dá película «Sicixia», conta vos seus percorridos pola comarca

05 jun 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai moitos anos abeiramos, a miña compañeira e máis eu, á Costa da Morte a pé.

Subimos ao Monte Pindo e desde o cumio da Moa ollamos a inmensidade do Océano. Chegamos á Casa da Xoana; nesa cova imensa escoitamos o zoar do vento atravesando de lado a lado a montaña de granito dos nosos deuses. A mesma cova onde as meigas e bruxas, no solsticio de verán, facían os seus aquelarres.

Bañámonos na praia infinita de Carnota e na Fervenza do Ézaro que, de súpeto, cae dos penedos ao Atlántico. Fomos á poxa da lonxa de Fisterra, falamos coas peixeiras e cos mariñeiros. Escoitamos, cubertos pola borraxeira, a Vaca de Fisterra nos cantís do fin do mundo.

Seguimos a viaxe polo Mar de Fóra e bebemos na fonte que cae ao mar, a mesma na que bebían os castrexos de Castromiñán, o castro máis espectacular de Europa pola marabillosa paisaxe de cantís e mar onde se atopa.

Ao chegar á ría de Lires lembrámonos de Tales de Mileto, o pai da Filosofía grega que nos ensinou a vadear os ríos e alí esperamos a que baixara a marea para cruzar a pé o río do Castro cara á praia de Nemiña.

Subimos polo monte Cachelmo cos percebeiros de Muxía que ían coller percebes aos cantís da Furna da Buserana. Contáronnos a lenda do trobador Buserán e a princesa Florinda que nos días de treboada, co mar batendo na Furna, aínda escoitaban fermosas cántigas de amor e agarimo. Faláronnos do poeta Gonzalo López Abente e lembramos a Rosalía de Castro que que estivo na romaría da Virxe da Barca coa súa amiga Eduarda Pondal e escribiu fermosos versos inspirados nesa experiencia.

Moveron a Pedra de Abalar que nos meteu de cheo no rito de iniciación. A Pedra abalou e escoitamos e sentimos alí o son inmemorial unido ás rochas, á terra e ao mar, a mesma marabilla que escoitaron os nosos devanceiros, antes de que chegaran os romanos coa súa espada e a súa cruz

Abrazamos, nas Torres de Cereixo, o carballo que polos anos xa se transformara nunha carballa. O superior transfórmase en feminino en Galicia. O son das palilleiras de Camariñas levounos pola beira do mar desde o Cabo Vilán ao porto de Santa Mariña. Nesa viaxe colleunos unha impresionante treboada. Non había ningunha casa onde abeirarse. A choiva e a auga das ondas do mar empuxadas polo vento batían en nós. Alí, camiñando pola praia do Trece, entrou de cheo e para sempre a Costa da Morte en min.Coñecemos a Man de Camelle, antes de que chegara o chapapote do Prestige ao seu fogar.

No Esteiro do Río Anllóns ollamos os araos, os corvos mariños, as pardelas cincentas, os paíños. Comemos berberechos e lemos poemas en voz alta do libro Queixumes dous piñeiros de Eduardo Pondal. Na Pedra do Roncudo lembramos a Álvaro Cunqueiro quen no seu libro A Cociña Galega escribiu: «Unha das grandes cousas das costas nosas? por onde anda co vento e as grandes ondas a voz do bardo Pondal, son os percebes? son coma restos dunha poboación estrana dun océano máis antigo». Atopámonos cos percebeiros e as percebeiras que subían polos cantís e mercámoslles un quilo de percebes recén collidos. Cocémolos nunha ola coa auga do mar e na beira dunha praia. Ao comelos sentimos o mar enteiro que entraba dentro de nós e percibimos que os percebes eran os intermediarios necesarios para sentir e comungar moito máis coa imensidade que estabamos a vivir.

Chegamos a Malpica, escoitamos as sereas que pintou Lugrís na Casa do Pescador e viaxamos con el ao corazón do océano na procura da Atlántida perdida.

Levounos o fareiro ás Illas Sisargas e subimos ao faro con el, nunha noite chea de estrelas escoitamos os sons doutros tempos nas mesmas aves mariñas de Pondal: «Quen fora coma elas tan libre!». Percorremos as praias de Razo e Baldaio e camiñamos ata Carballo. Xantamos na taberna O Pescador e collemos o autobús para Santiago.

Esa viaxe foi a semente da historia de ficción da longametraxe que rodamos este inverno pola Costa da Morte e con data provisional de estrea nas salas de cinema o venres 25 de novembro de 2016.

DNI

Ignacio Vilar. Naceu en Petín (Ourense) en 1951. Director de cine, dirixiu Pradolongo e A Esmorga, película esta coa que acadou un notable éxito, tamén fóra de Galicia. Ten unha longa experiencia fílmica en Cataluña, onde tamén estudou. En 1989 gañou ou premio Carlos Velo polo guión de Ollo Birollo. Ao seu regreso a Galicia montou a produtora Vía Láctea Filmes, coa que segue.

Que é Sicixia

Do latín syzygia, conxunción, derivado do grego, syzygos- literalmente consortes, emparellados, isto é, que casan, unen ou enganchan. É un fenómeno astronómico de aliñamento de tres astros ou máis corpos celestes do mesmo sistema gravitacional ao longo dunha liña recta. Exemplos de sicixia son ou dá Lúa e do Sol dende a Terra que produce unha lúa nova ou unha lúa chea.

Facebook: sicixia

Twitter: \sicixiafilme