Épica remontada do Dumbría para despedir o curso en casa

Antón Lestón Lago
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

BASILIO BELLO

Venceron ao Vigo (3-2) tras perder os dous primeiros sets e cun gran Renzo

24 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Ata o derbi contra o Rotogal Boiro, o 2 de marzo, o Volei Dumbría non gañara ningún partido axustado esta tempada. Sempre que vencera fíxoo por 3-1 ou 3-0 e acusábaselle certa falta de carácter e de contundencia cando o resultado estaba máis igualado. En Boiro, en cambio, foron capaces de cambiar a dinámica e gañar 2-3. O mesmo resultado co que gañaron outros tres partidos desde entón, fronte a Valladolid , Soria e, onte, Vigo.

Un tremendo refacho que, ademais de confirmar a permanencia outro ano en Superliga 2, deixou ver o mellor rendemento dalgúns xogadores.

Fronte ao Vigo, sobresaíron Renzo Mendoza, con 21 puntos e Cañate, con 23. Con eles liderando a anotación, os de Emiliano Martínez realizaron unha épica remontada tras perder os dous primeiros sets (25-27 e 21-25). Impuxéronse claramente no terceiro (25-11) e levaron o cuarto (25-22). No desempate chegaron a gañar 9-5, pero os visitantes tiveron o triunfo co 13-14. Foi entón cando tres puntos de Renzo decidiron o último partido da tempada en casa para o Volei Dumbría (16-14).