«O primeiro premio é que vós escribades»: entregados os galardóns Territorio Vákner 

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Talento, artes, o poder da literatura ou as dúas caras dunha historia: todo isto se tratou no Conco, en Dumbría, durante os galardóns destes certames que promove La Voz 

01 oct 2023 . Actualizado ás 22:13 h.

As instalacións do albergue do Conco, en Dumbría, acolleron na mediodía deste sábado a entrega dos premios dos certames de escrita Territorio Vákner. «Hai un enorme talento aquí, un consolidado, outro incipiente», afirmou o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira: «Agardo que nun futuro vos leamos con devoción», díxolles aos máis novos, gañadores da modalidade escolar. A súa mensaxe foi tamén para os premiados na convocatoria de adultos: «As artes, a literatura, a música, axudan a sobrevivir nun mundo non sempre agradable». Perspicaz ao apuntar que as plumas femininas eran máis que as masculinas, elixiu unha frase de Virginia Woolf para alentar que todos eles sigan peregrinando polas letras: «O pracer máis grande é escribir. Que logo te lean é un pracer accesorio, utilitario. O primeiro premio é que vós escribades (...) E se falamos de literatura de misterio, escribimos para sacar monstros fóra, para esquecer os propios e tamén algúns que nos rodean. Agasalládenos todo o que poidades coas vosas letras». Entregáronse este sábado vinte galardóns, poñendo fin así ás edicións do 2023 destes concursos literarios promovidos dende La Voz de Carballo co patrocinio do Concello dumbriés, iniciativas cuxa resposta —uns 200 textos de rapaces e unha trintena de autores adultos xa de destacada traxectoria— vén reafirmar palabras tamén de Xosé Regueira: «Estamos na Costa da Morte, territorio absolutamente literario e artístico, a terra do Batallón».

BASILIO BELLO

Contos e relatos que afianzan a viveza do idioma galego e da cultura nun «verde fisterra» ao que aludiu Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Se o venres acudía a Corcubión para a entrega do Premio Plácido Castro de Tradución, este sábado desprazábase a Dumbría, «lugar amable». «O Vákner introduciu dentro da tradición xacobea un factor que fai falta en todas as historias, o factor misterio», afirmou. «Saber contar as cousas, contalas como queremos contalas, é a clave do éxito. A facultade de comunicación é importante nos tempos que corren, nos tempos da imaxe, do son, da chispa que ten que ter impacto. E todo isto parte de relatos coma os vosos. Non deixedes de imaxinar mundos, de elevarvos do terreal para imaxinar outras realidades», convidou.

Profesionais da educación, autoridades locais, provinciais e tamén autonómicas acompañaron onte este acto que deixou patente como as letras foron capaces de transformar un monstro nunha iniciativa fermosa para todo un pobo. Para os promotores e colaboradores con estes certames literarios houbo no Conco profusos agradecementos, por ser «motores» no avance da cultura galega.

«Dumbría é un lugar con talento e paixón, e este certame é un bo reflexo diso»

Raul González Lado, alcalde de Dumbría dende o mes de maio, quixo ter un recordo para unha das persoas que máis traballou para que a marca Territorio Vákner, e todo o que leva asociado, fose realidade. Referiuse el ao seu antecesor no cargo, José Manuel Pequeño. «Estamos hoxe nun escenario que emana creatividade, recoñecendo a riqueza literaria que dela nace», afirmou o rexedor. Festexou que ese lobishome, «figura enigmática» cuxa existencia se remonta ao século XV, sexa hoxe «fonte de inspiración» para autores «de todas partes», capaz de facer que distintas xeracións se unan «pola curiosidade que xera». «A arte, a literatura, a música son unha poderosa ferramenta para manter viva a nosa cultura», manfiestou antes de reivindicar a importancia de Dumbría no Camiño e a importancia tamén de implicar «á nosa xente» no coidado e promoción da ruta de peregrinación: «É a maneira de que conserve a súa vitalidade». Todo ten impacto nas visitas, na economía. «Dumbría é un lugar con talento e paixón, e este certame é un bo reflexo diso», dixo o mandatario no peche da súa intervención.

BASILIO BELLO

O poder dos contos e a importancia das dúas caras nunha historia

«Non sei como podedes estar tan tranquilos (...) Eu cada vez que veño a Dumbría fago así co pé. A min non me enganan», ilustrou Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, dando tres fortes pisadas no chan do albergue do Conco. O público xa agardaba o seu conto, e de feito pediullo. Dirán os dumbrieses que eles nunca viron ao Vákner, ou que é unha lenda, «pero eu sei a verdade e teño probas», afirmou Vilela. Tirando do fío de A trabe de ouro e a trabe de alcatrán, de Vicente Risco, xuntou aos mouros con este lobishome. Todos viven debaixo de nós, moi profundo, moi abaixo no chan que pisamos. A historia dunha gamela familiar levada por unha onda a unha furna, e a caída dos seus ocupantes, deulle pé ao director de La Voz a explicar a existencia do Vákner e como este, querendo atrapar ao máis novo dos tripulantes, moveu unha lousa que resultou ser a Pedra de Abalar. «Por iso hoxe non abala», afirmou. Animou aos presentes a dar tres fortes pisadas no chan para deixarlle constancia ao Vákner «de que aquí estamos» e, de paso, igual, ser capaces de arranxar a rocha.

Múltiples versións pode ter o Vákner e os vinte contos e relatos seleccionados polo xurado este ano son a proba diso. Integrárono os escritores e mestres Concha Blanco e Valentín Alvite, o tamén docente José Antonio Viña —presente en Dumbría—, o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, e a xornalista Patricia Blanco. Os certames Territorio Vákner repartían este ano 4.500 euros: 2.000 para o primeiro premio de adultos, 1.000 para o segundo e 750 para cada un dos dous colexios dos que saíron os primeiros premios de primaria e secundaria: o Santa Eulalia de Dumbría no caso de Mireia Traba, gañadora en primaria, e o Manuela Rial Mouzo de Cee, no caso de Inés Liaño, gañadora en secundaria. Recolleron estes galardóns, respectivamente, Marisol Piñeiro, titora, e Gemma Fernández, directora.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

Con sangue ceense impulsado por un corazón irmandiño, e coas Lobeiras na retina, dende as augas do Xallas que non Ézaro aloumiñan ou mar, entre correntes de nostalxia que dende A Barca veñen cantar, de cada centímetro logrei namorar, de sur a norte, miña querida Costa da Morte...

Foi así como principiou a ceense Ainhoa Conde Castro, gañadora do primeiro premio do certame para adultos, a súa intervención. Moveuse todo o tempo entre prosa e verso, capaz de cativar coas súas palabras a quen definiu como «compañeiros e compañeiras dos vieiros da escrita». Falou de «orgullo colectivo», de «fermosas, puras, máxicas e libertarias terras do noroeste». «Por sempre será a miña máxima honra nesta vida, ou en calquera outra que me quede por percorrer, levar tatuadas sobre as engurras das miñas mans o nome de calquera dos noso pobos, lendas, costumes, tradicións, astronomía, arquitectura, lírica...», afirmou. «Endexamais unha colección de parágrafos meus será equivalente á escolma de virtuosismo que se daría se cada un dos meus compañeiros tivese a oportunidade de compartir aquí, aínda que fose, unha oración illada», expuxo Conde, capaz de tecer unha melodía que o resto de premiados puido tamén facer súa nesta festa literaria que era de todos.

BASILIO BELLO

A Ainhoa Conde, inspectora de seguridade marítima xa con obra poética publicada, téñenlle dito que este mundo moderno, dixital, non está pensado para os románticos. «Unha era de apuro, de superficialidade, da procura da exclusiva, da reacción rápida. Non semella haber un espazo respectable para valores como a honestidade, a honradez, o altruísmo, a xenerosidade e, por que non, o amor romántico. Todo parece estar doadamente nas nosas mans», reflexionou segundos antes de deixar no aire unhas cantas preguntas: «É certo todo cantou ouvimos? É o lobo sempre verdugo? É o solpor sempre ocaso?». Con ollo «crítico, analítico e concienciado» quixo Ainhoa darlle unha volta á historia do Vákner: «É un lobishome, pero téñolle certo cariño». «Coñecemos unha visión e tragamos, porque é a voz que fala, pero non nos paramos a pensar que quen cala moitas veces é quen ten as máis grandes e dolorosas historias», incidiu. Así é no caso do seu Vákner, convertido en monstro e feito inmortal por unha bruxa, mais curado por unha nena, herdeira da súa sangue: velaí algo da sinopse de Querida catalina, o relato co que gañou este certame literario.

«Noraboa a todos os premiados, pero sobre todo aos nenos. Quero transmitirvos unha mensaxe de ilusión, para que continuedes coa escrita, que nunca poñan freos ás vosas ás, porque podedes voar moi alto», deixou dito. Trouxo canda ela, ademais, boas novas para a cultura comarcal: Conde Castro dará a coñecer o título da súa nova obra o 13 de outubro e para o 2024 chegará «una novela autobiográfica».

BASILIO BELLO

Ou acordeonista ceense Álex Castro puxo a todo ou público en pé

Aplaudindo e de pé. Así foi como rematou o público do albergue de O Conco logo da segunda intervención do acordeonista ceense Álex Castro, de 20 anos. El deu a benvida musical con Maneo de Malpica e Muiñeira de Alfonso, mais tamén ofreceu a despedida, co Fandango de Kepa Junkera e con Inverno, de Vivaldi. Con tan variada elección, pezas de raíz tradicional e unha referente da música clásica, quixo amosar as posibilidades dun instrumento como o acordeón, moi versátil e completo. «Madre mía», festexaba logo de cada peza unha das espectadoras, fascinada polo virtuosismo deste mozo que se forma no Conservatorio Superior da Coruña. Recibiu das autoridades presentes moi sinceros parabéns.