Un posible himno para Cee obsequiado desde Tui

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ecos do paso da banda San Xoán de Paramos pola vila da Xunqueira

03 ago 2023 . Actualizado ás 16:37 h.

Cunha destacada nómina de autores, Cee ten moito quen lle escriba. Tamén ten quen lle toque e, ademais, quen lle compoña. Foi o pasado sábado cando, por terceira vez, este ano a petición dos veciños, actuou na vila da Xunqueira a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos (Tui). Un «impresionante» concerto, en palabras da alcaldesa, Margarita Lamela, que chegou ademais con sorpresa. A formación obsequiou á localidade coa partitura Adicada a Cee, composición do propio director, José Manuel Caballero Fernández, que interpretaron en directo. «Diría que é unha música emotiva, que denota un cariño especial», comentaba el este martes. O agasallo veu en resposta á sincera emoción que perciben tanto de Lamela como do público ceense sempre que visitan a localidade. Porque haberá unha cuarta, seguro, e mesmo Caballero propuxo levar a Tui a Banda de Música de Cee para interpretar alí xuntos esta canción que, como deixou caer, «quen sabe, ao mellor pode ser ata un himno». A rexedora, que en directo agradeceu este «agasallo excepcional e único», recolleu a luva.

Cee xa forma parte da historia da banda, que se remonta a hai 17 anos. Intégrana medio centenar de persoas e cada vez gaña máis peso: cabe lembrar que no 2022 representou a España no desfile de San Patricio de Nova York. José Manuel diríxea desde o principio —e o seu irmán, Sergio Caballero, encárgase da parte de percusión—, e explica que é unha banda «actualizada». Teñen gaitas, pero tamén piano, baixo eléctrico, guitarra e ata voz nalgunhas pezas, todo iso clave en concertos que adoitan durar hora e media e que dividen en tres partes: unha «tradicional», outra versionando grandes pezas e músicos da historia, e unha terceira de estilo verbena.