O polígono industrial de Cee supera a metade de ocupación entre proxectos e naves feitas

Santiago Garrido Rial
S. G. RIAL CARBALLO / LA VOZ

CEE

SEXA

Unha nova nave de alimentación creará quince postos de traballo e eliminará tráfico pesado do centro urbano

16 jun 2023 . Actualizado ás 15:33 h.

O polígono industrial de Cee vai tomando forza e, entre naves xa construídas, outras en obras e proxectos en marcha xa con licenza (e que empezarán os traballos nas próximas semanas), suponme unha ocupación superior á metade do parque. Ten unha superficie bruta de 201.782 metros cadrados, que a afectos netos queda máis ou menos na metade (106.805), cunha edificabilidade Industrial de 63.103, e algo menos (57.749) para proxectos terciarios ou de servizos. Que, ao contrario que noutros parques da zona, xa sexan de SEXA (Goberno central) ou de Xestur (Xunta), en Cee si que parece que funcionan, xa desde os primeiros momentos, cun gran supermercado.

O último avance dábase a coñecer onte, co anuncio da construción dun maior Cash Record, que suplirá ao que existe na localidade, no centro urbano, sumando aos oito traballadores actuais outros quince. A xerente de SEXA , Beatriz Sestayo, e a alcaldesa, Margarita Lamela, reuníronse con representantes da empresa para tratar sobre o proxecto. A nova sede pouco terá que ver coa actual, xa que o crecemento é notorio: a promotora reservou tres parcelas, sumando 6.462 metros cadrados. Ese espazo albergará unha sala de vendas de máis de 1.700 metros cadrados, un aparcadoiro de 84 prazas, e unha vintena de profesionais. Sestayo considera que esta noticia confirma «a puxanza do parque empresarial como espazo idóneo para acoller empresas e contribuír ao desenvolvemento industrial e laboral da comarca». Hai, ademais, vantaxes engadidas, como a redución do tráfico pesado polo centro urbano de Cee.

A rexedora, Margarita Lamela, destaca a elevada actividade do polígono durante o seu mandato, coas súas novas licenzas. Unha da máis importantes foise para Sogama, con dúas parcelas adquiridas para construír a planta de transferencia de residuos da comarca, o que permitirá recuperar unha parte da cima do Monte do Son, o mellor miradoiro de Cee e Fisterra. Entre os proxectos cuxos traballos se iniciarán nas próximas semanas destacan, polo singular da súa actividade, a construción dun crematorio. Será o terceiro da zona, tras os de Carballo (curiosamente, foi unha das catro primeiras naves da ampliación do polígono de Bértoa) e A Laracha. No polígono hai ademais dúas gasolineiras, unha delas con punto de carga eléctrica.

Novo acceso

O polígono de Cee tamén experimentará melloras importantes nos próximos meses. E grazas á denuncia que un veciño interpuxo no seu día contra o acordo do Consello da Xunta do 12 de decembro do 2013, que aprobaba a construción dunha glorieta desde a AC-552 ata a zona do Mercadona.

O TSXG deulle a razón nas súas críticas ás medidas de accesibilidade e anchura do viario que sae desde esa rotonda, como puxo de manifesto nunha sentenza ditada dous anos máis tarde, e obrigaba a SEXA e á Xunta a realizar as correccións pertinentes. E non foron sinxelas, pois houbo que elaborar un amplo proxecto, co seu estudo de impacto ambiental, con prazos que se han ir dilatando, nin barato, porque custará uns 800.000 euros. Unha das novidades será garantir un acceso peonil en condicións, e para iso adecuarase un tramo dunha vía (coñecido como camiño real nesa zona), que quedará como paseo urbanizado, así que neste punto Cee gañará unha zona de esparexemento. Tamén se lle dotará ao viario dun carril máis.

Probablemente representantes de SEXA acudan a Cee para presentar as características do proxecto, ao que nunca se chegou de non presentarse aquela denuncia que, por outra banda, esixía de amplos coñecementos técnicos para saber que as medidas da obra incumprían a normativa.