O abandono condena o complexo deportivo da Grela, en Carballo

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Construído hai máis de 30 anos, o vandalismo e o desuso hanse cebado co pavillón e o campo de fútbol

30 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai un ano, La Voz denunciaba o estado de absoluto abandono do complexo deportivo (polideportivo e campo de fútbol anexo) Vázquez Mouzo, no lugar da Grela, moi preto de Carballo de Arriba. Desde entón, poucas cousas cambiaron, salvo que as instalacións xa non aparecen na web municipal como parte dos seus equipamentos, salvo nalgún documento aínda dispoñible on-line.

Este polideportivo atópase nunha das zonas aludidas na voluminosa memoria que o Concello de Carballo elaborou para optar a novos fondos. Parte desa partida destinaríase (se se conceden) a inclusión social mediante diversas actuacións, tanto de infraestruturas como educativas destinadas á integración do colectivo moinante. Algo que, aínda que se poña en marcha porque se logran eses fondos, levaría o seu tempo e en todo caso implicaría intervencións transversais.

En canto ao polideportivo, ten 32 anos. Custou, en 1984, 90 millóns de pesetas. As súas construción levantou bastante debate político, pero durante un tempo serviu para adestrar o Lubiáns e algún equipo de balonmán e baloncesto, e no campo xogaba o Atlético Milagrosa e algún dos conxuntos de base do Bergantiños. Aínda faltaba moito tempo para a construción do primeiro campo das Eiroas.

Tamén custaría moito derrubar todo o complexo, segundo apuntaban fontes municipais, así que seguirá como está. O campo poderá seguir servindo de pasto a algún cabalo.

Incendio. Non só afectaron as chamas ao polideportivo, tamén aos vestiarios do campo. Uns están queimados, e os outros, non, aínda que non se distingue se se trata de locais ou de visitantes. foto josé m. casal

Tapiado. No 2013 produciuse un incendio e despois se tapió, pero por varias veces abríronse ocos para acceder.

Deterioración. Ademais dos efectos do lume, no chan dunha parte dos vestiarios hai o que parece esterco, quizais de deixarse dentro algún gando cabalar.

Roturas. Son moi comúns. Na caseta do árbitro, por certo, hai unha pedra de gran tamaño.

Malas herbas. Era de terra, case grava miúda pola súa dureza. Agora só crecen as malas herbas.