«Quería devolver a través do libro o que me deu a Costa da Morte»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

O madrileño Israel López presentou a súa novela «Ondas» no Parador Costa da Morte. Ambos teñen como orixe o Prestige

05 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Acolleu o Parador Costa da Morte de Muxía na tarde do venres a presentación da novela Ondas, de Israel López García (Madrid, 1971). Organizada desde o propio complexo hostaleiro, que ten en común coa obra a súa orixe, ter xurdido da crise do Prestige, e desde o comercio-librería muxián Arroutada, deu para que o autor se confesase, a preguntas de Dimas Búa, responsable de Arroutada, e de Julio Castro, director do Parador: «Escribo o que sinto, quería devolver a través do libro o que me deu a Costa da Morte, e deume moitas cousas. Dígoo emocionado, é moi forte a conexión». López García foi voluntario na catástrofe ambiental do 2002 e regresou despois en diversas ocasións. «Leo este libro e leo a Costa a Morte», afirmou Búa. Documentación, personaxes, estilo literario... en todo isto se incidiu durante a presentación, na que o autor profundou no protagonista de Ondas —Baile do Sol Edicións—: Martiño regresa para coidar á súa nai á aldea do Roncudo, «telúrico, encontro entre mar e terra». A súa é «unha vida de mareas».