Críticas ao alcalde de Ponteceso por non informar sobre o corte de tráfico nunha céntrica avenida

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O seu antecesor, Lois García Carballido, asegura que prexudicou aos comerciantes desa rúa

26 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O exalcalde de Ponteceso e portavoz do grupo municipal socialista, Lois García Carballido, critica ao actual goberno local pola xestión duns traballos na Avenida Anllóns. Segundo explica o líder do PSOE, na páxina web municipal publicouse un aviso que alertaba dun corte de auga debido á reparación dunha tubaxe rota. Do que non se alertaba, di Carballido, era de que se cortaría tamén a circulación por esa vía.

«[O alcalde] Mato creou un caos prexudicando aos comerciantes da Avenida Anllóns. Na publicación da páxina do Concello fala dun corte de auga, pero non de cortes de estrada. Os comerciantes descubriron de súpeto a rúa cortada pero os carteis non avisan de que o corte da vía, máis arriba, non impide aparcar diante dos seus comercios», apuntaba a última hora da tarde do mércores nun comunicado, engadindo que había «dez establecementos afectados».

O ex mandatario critica a xestión do seu sucesor, José Manuel Mato, e lamenta que no canto de «axudar ao comercio», as súas accións acábeno prexudicando.