O Bergan gaña e distánciase do Celta C

Melissa Rodríguez
melissa r. s. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

.

Musy e Álex Lorenzo marcaron ante o Silva (0-2) e os vigueses empataron

28 mares 2024 . Actualizado ás 21:47 h.

O Bergantiños volve ter unha vantaxe de cinco puntos sobre o segundo clasificado, o Celta C, na Terceira Federación. Os carballeses cumpriron ante o Silva a domicilio por 0-2, en tanto que o Celta C picou no seu feudo contra o Atlético Arteixo (3-3). Marcaron polos bergantiñáns Mario Musy, á media hora do inicio, e Álex Lorenzo, no minuto 72. O domingo completarán a semana co terceiro partido en sete días no campo da Sarriá (A Ribela, 17.30), para despois dar comezo á conta atrás de sete xornadas para acadar ese ansiado ascenso directo que concede o primeiro posto.

Xogaron polo Bergan Santi Canedo; Isra (Iván Guerrero , min. 60), Iago López, Checa, Iago Martínez, Cabarcos; Manu (Kanouté, 60), Álex Lorenzo, Remeseiro (Álex Ramos, 70); Musy (Jorge Cano, 85) e Longo (Dani Pedrosa, 85). Viron a cartolina amarela polos vermellos Checa, Isra, Manu e Kanouté.

Foi un partido de moito oficio do Bergan, no que con pouco, levou o gato á auga. No primeiro cuarto de hora, o rival comeullo. Tiveron os coruñeses as primeiras chegadas, cun disparo pegado ao pau e un man a man que salvou Canedo, a ocasión máis clara da primeira parte. Os de Secho Martínez non dispararon a porta ata o minuto 22.

O gol chegou nun saque de esquina de Remeseiro . Puxo o pase ao corazón da área, Isra remata mal, pero saíulle unha asistencia perfecta a Musy, que pegado ao pau, a encestó dentro. Ao bordo do descanso, unha volea do propio Remeseiro, con Bugy adiantado, podería ser o tanto da xornada, pero foise por pouco.

Tras a continuación, houbo moita disputa ata que Álex Lorenzo puxo o 0-2, xa definitivo. Aproveitou un rexeite, e o balón entrou pegado á cepa do poste. Os locais protagonizaron o arreón final cun centro chute e un remate que salvou a defensa. A bancada, ata os topes, puxo o ambiente nunha mañá de cans en Grela 1.