Terapias para frear o estrés e a inquedanza: «Imos a tal velocidade na vida, que perdemos a esencia das cousas»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Patricia Tasende Fraga dirige en Bértoa Espiritual Espacio Holístico
Patricia Tasende Fraga dirixe en Bértoa Espiritual Espazo Holístico ANA GARCÍA

Especial saúde na Costa da Morte | Os pacientes apostan cada vez máis por iniciativas como o ioga, o pilates ou o mindfulness para gañar en calidade de vida

04 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Estrés, inquedanza, un frenético tren de vida, hábitos pouco saudables, abuso da comida rápida, o uso continuado do móbil, estar permanentemente conectado ás redes sociais, descanso de pouca calidade, condutas sedentarias... Costumes do día a día que, á fin e ao cabo, provocan unha continuada diminución na calidade de vida. Unha dependencia do teléfono e do reloxo que acaba pasando factura ao corpo a medio e longo prazo, en forma de enfermidades cardiovasculares, colesterol alto, diabetes, ictus, embolias, cancro... O corpo, dalgunha forma, sofre esas secuelas, que ao final saen a relucir en forma de enfermidade.

Os pacientes apostan por diferentes tipoloxías de terapia para mitigar os efectos destas condutas e prácticas pouco saudables. Patricia Tasende Fraga ten 37 anos e dirixe Espiritual Espazo Holístico, un centro terapéutico situado xunto á igrexa carballesa de Bértoa, nas inmediacións da AC-552. Profesora de ioga , considera que cada vez son máis os que demandan «terapias enerxéticas», ben mediante clases, ben a través de talleres educativos. «Estas reparacións enerxéticas, como eu lles chamo, representan unha alternativa á psicoloxía. Sobre todo, demándanas pacientes que din non atopar un remedio ao seu problema, que o consideran crónico, e buscan, ante todo, un equilibrio entre o físico e o mental ao través do ioga», indicou Patricia Tasende.

Detrás destas condutas vinculadas ao estrés ou a inquedanza escóndense escenarios vinculados directamente á incerteza sobre o que pasará no futuro, sobre todo, casos relacionados co ámbito laboral.

O ioga traballa directamente sobre o sistema nervioso, explicou Patricia Tasende: «Trabállase para acadar, ao través da práctica física, a relaxación en tódolos eidos. Co ioga descansas a mente e permítete afrontar os retos da vida doutra forma, moito máis tranquila e serea, vendo as cousas con perspectiva. Co ioga a persoa que o practica logra descansar a mente e afronta os retos doutra maneira».

Que ofrece o ioga e outras disciplinas similares ao que as practica? Os expertos téñeno claro: reduce a presión arterial e a frecuencia cardíaca, favorece a relaxación, mellora a confianza nun mesmo e a coordinación, estimula a concentración, tanto no ámbito laboral como educativo, facilita a dixestión e o descanso. Como beneficios colaterais os expertos na materia citan o fortalecemento de ósos e músculos en idades avanzadas, aumenta a flexibilidade e reduce as dores crónicas e postulárelos, tamén mitiga os niveis de cortisol e colesterol en sangue. En definitiva, equilíbrase o sistema nervioso, que é onde incide de forma directa o ioga. O mesmo sucede co colesterol, mediante o control da presión arterial e a acumulación da graxa nas arterias; o que reduce as posibilidades de sufrir un contratempo cardiovascular a medio e longo prazo.

«Imos a tal velocidade na vida que perdemos a esencia das cousas»

O mindfulness é outra das terapias máis demandas. Quizais non sexa tan coñecida ou recoñecida como si o poden ser o ioga ou o pilates, pero representa outro xeito de «reconectar coa vida», como sinalou Teresa Vilanova Villar, psicóloga de profesión e xerente de , Aquí e Agorao centro terapéutico situado na rúa Fábrica de Carballo.

O mindfulness supón na práctica «prestar atención ao momento presente». E argumentou: «O estrés forma parte do día a día, nunha sociedade no que prevalece o consumo, o momento. Hai moitos problemas de xestión do tempo. O estrés conleva o emprego de pastillas, a perda de calidade de vida...». E engadiu: «Todo é demasiado rápido, temos que atender a múltiples tarefas, rematamos unha e xa estamos con outra. O problema é que de todo o que nos acontece na vida xeramos unhas expectativas, pero sen pensar no presente, no momento no que nos atopamos agora. Pretendemos visibilizar, dalgunha maneira, o futuro. Ao final pensamos no futuro, no que nos aconteceu no pasado e esquecémonos por completo de pensar no presente. Sempre digo que pensar no futuro nos xera ansiedade, e lembrar o pasado, tristeza».

Segundo ela, o mindfulness mitiga os efectos negativos do día a día: «Permíteche gozar e concentrarte no momento. Regula os aspectos emocional, físico e mental». Expresións do tipo a árbore non che deixa ver o bosque está máis que xustificado: «Imos a tal velocidade na vida que perdemos a esencia das cousas. O que fai o mindfulness é precisamente iso: concentrarte unicamente no presente».

Un amplo abano de usuarios, desde mozos a maiores

O ioga, o pilates ou o mindfunless son terapias adecuadas para todo tipo de idades. Non só son ideais para a xente maior, senón tamén para os mozos. «O problema da falla de concentración tamén se dá en rapaces e nenos, que teñen dificultades para concentrarse, por problemas derivados do estrés e a ansiedade. Cos talleres formativos e educativos logramos que os rapaces gañen en tranquilidade, que afronten o día a día con normalidade. O que se chama ter a mente atenta», esgrimiu Teresa Vilanova.

A base do traballo é «a regulación do estrés e a regulación do aspecto emocional. A vida é como é, non como queremos que sexa. Isto tamén é extrapolable aos talleres que levamos a cabo cos rapaces dos diferentes centros educativos cos que traballamos», apuntou a psicóloga.