«Respirar pola boca é como comer polo nariz»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Sonia Barreiro, en su clínica de Coristanco
Sonia Barreiro, na súa clínica de Coristanco ANA GARCÍA

Especial saúde na Costa da Morte |  A educación bucodental axuda a previr problemas sanitarios, explican profesionais da rama da odontoloxía

04 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A educación bucodental é imprescindible para previr problemas de saúde. Dio a odontóloga María Gómez, con clínica en Carballo, que o ano pasado participou nunha campaña sanitaria do Concello polos colexios do municipio. A súa compañeira de profesión Sonia Barreiro, con consulta en Coristanco, tamén defende a importancia de volver á base, a cuestións fundamentais, para evitar danos na boca. Neste sentido, a especialista destaca un aspecto: «Respirar pola boca é como comer polo nariz». Refírese ao alto número de pacientes que, cada vez máis, ten unha respiración oral: «Iso atrofia os maxilares e conleva problemas posturais, inflamación das enxivas, sequidade ou bruxismo». «Respirar é a primeira función do nariz», lembra.

Son hábitos, segundo traslada, que veñen derivados, moitas veces, pola dieta alimenticia, que cada vez é máis branda, apunta: «Hai que volver comer mazás ou bocadillos a bocados», cita como exemplo para evitar a atrofia de toda a musculatura da cara, pois «traballamos moito do pescozo para abaixo, pero pouco desa zona do corpo para arriba», indica. O elevado consumo de procesados, de forma especialmente palpable nos nenos, tamén está detrás deste problema, así como das caries. A odontoloxía ten agora unha visión máis integradora: «Todo o que pasa na boca inflúe no corpo», di Sonia. Só o feito de respirar pola boca pode repercutir en problemas de descanso, hiperactividade ou déficit de atención. E ollo, porque o estrés pode estar detrás tamén da sequidade na boca.

Pola súa banda, María Gómez fala dos tratamentos para tratar de alongar a vida dos dentes antes de ter que quitalos. Cando non queda máis remedio, as próteses fixas están en auxe fronte ás dentaduras removibles pola súa comodidade: «As outras móvense máis, producen úlceras, e a masticación non é a mesma», sinala.

As expertas deixan algúns consellos para a hixiene. «Os dentes de leite hai que cepillalos», di Gómez, por se quedaban dúbidas. As pastas blanqueadoras non teñen tal función, lembra Barreiro, que tampouco aconsella o enjuague diario con produtos químicos.

Os alineadores transparentes son a técnica de ortodoncia do momento

Ortodix é outra clínica dental en Carballo e A Coruña. Desde alí, os profesionais dan algunhas pautas sobre a ortodoncia. Non hai dúbidas sobre cal é a técnica que máis triunfa na actualidade por demanda: os alineadores transparentes, sobre todo, no adulto medio, segundo indican. Este sistema correctivo responde a necesidades de estética e de mordida. E o resultado é máis discreto que os tradicionais brackets, así como «indoloro».

Recoñecemento

Neste sentido, o traballo do doutor Héctor González, en Ortodix, foi recoñecido por Invisalign , «o provedor número uno a nivel mundial desta solución», sinalan desde a clínica, coa distinción Diamond Provider (provedor diamante), «o mellor e máis alto rango que outorga a compaña». Acceden a esta mención, segundo explican, os ortodoncistas con maior experiencia e cifra de pacientes atendidos, que no caso de González, supera os 800 casos, aseguran. «Son poucos os expertos en Galicia que contan con este recoñecemento. Héctor foi o primeiro da provincia coruñesa», recalcan.

Os alineadores son de pór e quitar, isto último, para comer e o cepillado.

Sobre as moas do xuízo, outro tema capital en odontoloxía, María Gómez comenta que non en todos os casos é necesario extraelas, aínda que é frecuente que se dean problemas de espazo, que non acaben de evolucionar e que mesmo danen as outras moas.