Manuel Castiñeira, dentista: «Aos pacientes dígolles que, se lles doe, non lles cobro nada»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Especial saúde na Costa da Morte | E aínda ninguén lle pediu os cartos polo momento! Castiñeira está ao fronte de Cavident na Ponte do Porto, e de Medical Beauty en Carballo

01 abr 2024 . Actualizado ás 12:08 h.

Manuel Martín Castiñeira Vidal (A Ponte do Porto, Camariñas, 1980) recoñécese supersticioso. Abriu clínica dental, Cavident, na súa localidade natal, o 1 de xullo do 2008, o mesmo día no que a súa muller, María José Santos, rompeu augas. Efectivamente, ocorreu na propia clínica. Este primeiro fillo, Hugo, que finalmente naceu o día 2, cumprirá 16 anos en xullo, os mesmos que o centro, un espazo que funcionou «de marabilla».

De aí que, apelando a ese carácter supersticioso, elixise Manuel tamén un 1 de xullo para abrir outra clínica, esta en Carballo, na rúa Uruguay: Medical Beauty by Manuel Castiñeira, un beauty center. «Foi o 1 de xullo do 2022, celebraremos este 2024 os dous anos», sinala. Non houbo rotura de augas ese día, xa sería un pouco demasiado, pero entre a primeira clínica e a segunda si chegou outra filla, María, do 2012. O número 1 ten bastante significado para este porteño: naceu o 1 de xaneiro do 1980, «debín ser dos primeiros bebés dese ano». Tanto marca a data que el, que ía ser Martín, acabou sendo Manuel Martín, debido á onomástica.

Directivo do Bergantiños FC, outra das súas facetas, charla nesta entrevista do aspecto laboral, no que ten un piar esencial, en cuestións como a xestión, á propia María José. En nómina son 13 persoas entre A Ponte do Porto e Carballo, por certo con moito peso feminino, ás que hai que sumar uns seis ou sete colaboradores externos. Con iso a cifra chega a unha vintena de traballadores, empresa xa non pequena. Castiñeira Vidal casou para Vimianzo, onde vive, mais procura achegarse case cada día, confesa, ata A Ponte do Porto.

—Que prestacións comezaron ofrecendo e como foron evolucionando?

—A nivel odontolóxico, ofrecemos todos os servizos en todas as clínicas: dende implantes a ortodoncias, ortodoncias invisibles, escáneres intraorais... Todo coa última tecnoloxía que hai, compramos maquinaria nova a miúdo. Eu son un experto e teño un máster en implantes cigomáticos, que non hai moitos que o teñan a nivel español, un máster que fun facer a Brasil. Quizais na clínica da Ponte non facemos tantas especialidades estéticas como en Carballo, porque aquí si temos centro de estética, no que facemos implante capiar, recheo de botox, de hialurónico, depilación láser, solarium, masaxes, madeiroterapia, microblading, micropigmentación... Temos un montón de especialidades.

—Vai máis alá da cuestión bucal, pois.

—Si, a clínica da Ponte son aproximadamente cen metros cadrados, limitados ao dental, nun baixo, e en Carballo falamos dun baixo de 400 metros, cambia bastante.

—Contentos da acollida de Carballo agora que camiñan cara os dous anos aquí?

—Si, e de feito as expectativas son maiores das esperadas. Non agardaba ese volume, nin ter que contratar seguido xente. Esperaba ir pouco a pouco, pero temos traballo. De feito, comigo, hai veces que chego a ter ata un mes de lista de agarda para citas.

—Iso pode darnos a idea, quizais, de que tanto no dental como no estético a xente quere coidarse cada vez máis?

—Si, si. Noto un cambio dun tempo a esta parte. A xente inviste nela, e é o normal, que cada persoa invista en si mesma. Levamos unha semana intensa [esta pasada], por exemplo, en implante capiar, tanto de home como de muller. Non é ao nivel deles, pero si hai bastantes casos femininos que fan emprego del. Tal vez todo derivado do estrés que hai hoxe en día na sociedade e que nos afecta tamén ao cabelo.

—Tamén afecta o ritmo de vida, ou mesmo os evidentes cambios nos hábitos de alimentación, á cuestión bucal?

—Igual ca no estético aprecio cada vez maior coidado. Coloco máis de mil implantes ao ano, entre as dúas clínicas. Antigamente era tamén colaborador externo noutras, ía a Pontevedra, Ourense... Era cirurxián de varias clínicas, pero deixei un pouco iso ao ser demasiado agobio. Levo dous infartos nestes dous últimos anos, quero coidarme eu tamén algo máis, relaxarme.

—Como o leva?

—Medicación, revisións, intentando non forzar. Por iso tamén tanta contratación de persoal, para ter a saúde máis conservada.

BASILIO BELLO

—Cúmprese iso de levar os nenos ao dentista cando sae o primeiro dente?

—A sociedade cambiou totalmente. Hai estudos. Nun tempo de 30 anos a xente acude moito máis ao dentista do que acudía antes. Temos nenos dende os dous, tres aniños, é mellor curarse en saúde.

—O habitual era acudir só cando doe...

—Exactamente. Xa incluso dende a Seguridade Social e os propios pais hai un maior control, para que aos nenos non lle pase o que lle pasou aos avós, aos pais...

—E ese mito, se o é, de que o dentista fai dano? Tamén é xa cousa do pasado?

—[Ri]. Ben é certo que eu me dedico case exclusivamente a cirurxía, pero os pacientes veñen con medo, con respecto. Hai casos nos que colocas oito, nove, dez implantes. Sempre lles digo que se lles doe o proceso que lles fago, non lles cobro nada. A día de hoxe aínda ninguén me pediu os cartos! Hoxe hai métodos anestésicos moi bos, indoloros, facemos sedación... Temos o paciente monitorizado en todo momento...

«Fiarse de Internet é un gran erro. Hai xente que merca férulas vía Rede»

Coma en todos os sectores, actualizarse é vital. Manuel é licenciado en Odontoloxía especializado en implantoloxía avanzada: os implantes cigomáticos mencionados, inxertos óseos, grandes rexeneracións... Intervencións que, nalgúns casos puntuais, requiren de quirófano. Valora sobremaneira «o grande grupo de traballo que teño», «o compromiso 100 % coa clínica, tanto na Ponte do Porto como en Carballo».

—A nivel xeral, en que erramos?

—Hoxe en día, diría que en fiarse das redes sociais, de Internet... Deberiamos de acudir máis ao dentista físico. Hai xente que merca férulas vía rede, férulas de branqueamento, retenedores... Un especialista, con estudos e experiencia, valorará mellor. Fiarse da rede trae problemas, é complicado. Diría que é o grande erro, pero ocorre en todo, non só no ramo odontolóxico.

—Que é dunha formación continua.

—Si, do contrario quedas obsoleto. Nas nosas clínicas, por exemplo, traballamos dixitalmente. Iso de meter a pasta na boca para tomar un molde xa non o facemos. Cos laboratorios igual, mandan deseño de sorriso, de dentes... Hoxe o paciente pode saber como vai quedar antes de que se remate o traballo. Avanzamos moito, pero iso require investimento, formación... En dúas semanas haberá unha exposición, iremos, veremos avances, como vai o mercado...

—De que radio teñen clientes?

—Eu antes operaba moito en Santiago, Ourense, Lalín... Na Ponte do Porto podo dicir que teño pacientes que veñen dende Santiago, Arzúa, antes de abrir en Carballo tamén de Carballo... E dende logo os arredores de A Ponte. Na clínica carballesa hai xente da Coruña, Malpica, A Silva... Un radio duns 30-40 quilómetros ao redor. Para implante capiar abrimos aínda máis o abano: Canarias, Extremadura...

—Axudan a difundirse as redes sociais?

—Para determinadas cuestións si, para chegar a xente nova en canto a ortodoncias invisibles, bótox, hialurónico, implante capiar, microblanding... No dental case digo que o que funciona en realidade é o boca a boca, porque de cara a grandes cirurxías falamos de xente de idade máis avanzada.

BASILIO BELLO

—Os maiores tamén se coidan máis?

—Si, o cambio de mentalidade é neles tamén, a saúde dental é fundamental. Falando claro, a lingua é o lugar onde máis bacterias se acumulan. Hai que coidalo e repercute en todas as idades.

—Tratamos ben os dentes?

—En España estamos avanzados. Operei noutros países e valorei distintas idades. Brasil, China, Portugal... Deriva igual da alimentación. En Portugal hai nenos que á escola levan Nestea, aquí van coa súa botelliña de auga.

—É o azucre o grande inimigo?

—Un dos fundamentais, si. Azucre, bebidas enerxéticas... Logo, o normal sería unha hixiene de dúas-tres veces ao día. Se respectas iso e non abusas de certos alimentos, non terías problema.