O centro de día Aurum, de Zas, aspira a unha residencia

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Especial saúde | Non é algo inmediato, senón a medio ou longo prazo, pero os trámites son longos e os responsables empezaron con eles

02 mares 2024 . Actualizado ás 23:29 h.

En Zas, na zona do Pinar, funciona desde finais do 2018 un centro de día privado, Aurum, que dá servizo a usuarios de boa parte da Costa da Morte e de Xallas (Santa Comba achega moitos).

Foi toda unha aposta empresarial e social que tivo que loitar, entre outros aspectos, contra a falta de costume dunha asistencia deste tipo para as persoas maiores e, sobre, todo, contra a pandemia, que chegou xusto cando arrincaba. Agora, con boa actividade, e con esperanza de poder ir a máis, con maiores prestacións. Unha delas, e non pequena, sería a construción dunha residencia na parte superior. Non é algo inmediato, senón a medio ou longo prazo, pero os trámites son longos e os responsables empezaron con eles, como explica o xerente, David Villar. Daría un amplo e demandado servizo dada a alta necesidade e pouca oferta de prazas. E mentres, o centro de Zas seguirá como ata agora, con capacidade para 60 prazas, pero co obxectivo de 40 (agora teñen 34 usuarios), «para garantir unha mellor calidade no servizo, cunha ratio de persoal moi elevada», que agora está nun traballador por 4,5 usuarios.

Ademais, non se trata só de traballar no centro, senón que hai que levar e traer aos seus ocupantes. E para iso Aurum ten tres furgonetas que cada día fan unha media de 500 quilómetros, pois os destinos son moi diversos, mesmo de máis de 50 quilómetros.

Villar destaca o «compromiso social» de manter activo un centro así, que se afasta bastante dun modelo de negocio boiante, pero como contrapartida serve para crear emprego e ofrecer prestacións de coidados a decenas de familias. Ademais da mera estancia prográmanse algunhas saídas, pero non excesivas, dada a dependencia dalgunhas persoas. E en celebracións típicas, como o entroido, tamén levan a cabo actividades de lecer, por variar as rutinas diarias.