Educación destinará 1,3 millóns a reparar carencias en 27 centros

La Voz

CARBALLO

O delegado territorial desprazouse onte ao colexio ceense Eugenio López

10 jun 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, aproveitará este verán que se achega para liquidar distintas carencias en centros educativos da Costa da Morte, tanto en colexios de infantil e primaria como en institutos. Segundo os datos facilitados, serán 27 nos que intervirán: desde Cerceda ata Fisterra e para iso destinará case 1,4 millóns de euros: 1.394.114, exactamente.

Na xornada de onte, o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, desprazouse precisamente ata o Eugenio López de Cee, un dos incluídos na lista de intervencións, para detallar as obras que alí se acometerán, e que pasan pola reforma da cuberta, a reforma de fontanería e saneamento e a substitución da caldeira, que nos últimos anos viña arranxándose de forma continua. Con Cabana, ademais do director do centro, Xosé Cañizo, estivo a exregidora ceense e edila popular, Zaira Rodríguez. «É unha noticia moi boa», valorou, lembrando que, xa no seu tempo de goberno, emprendéronse algunhas melloras, como a instalación eléctrica ou os patios.

Con esta partida de 1,3 millóns repararanse cuestións que xa viñan suscitando queixas e peticións desde moito tempo atrás, como é o caso da marquesiña á entrada do aulario de infantil no CEIP de Bergantiños ou a existencia de pingueiras no colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda. Un problema similar téñeno no IES Fin do Camiño ou no IES de Ponteceso, onde se repararán os lucernarios da cuberta de talleres e as pingueiras na zona dos baños. Entre as intervencións hai varios casos, precisamente, de reparacións de cubertas: ocorre así mesmo no CPI Cabo dá Area de Laxe, onde a ANPA leva moito tempo reclamando, ademais, que non hai servizo de ascensor (en principio, a partida asignada non incluirá ese obxectivo).

Ampliación do Monte Neme

Na listaxe de intervencións facilitado destacan algunhas como a ampliación do instituto carballés Monte Neme, para o que a Xunta habilita 350.000 euros. Son partidas tamén elevadas as que se empregarán no IES Terra de Soneira (139.000 euros), para a reforma da fachada, entre outras cousas. Para o CEIP de Caión consignáronse 90.000.