Envían a prisión ao ribeirense acusado de agredir a un hostaleiro para facerse coa recadación

RIBEIRA

Ao arrestado tamén se lle imputan outros delitos de roubo e de tentativa cometidos nas últimas semanas

28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Cinco son os delitos que se lle imputan ao ribeirense detido a pasada fin de semana como sospeitoso da agresión que sufriu un hostaleiro de Santa Uxía durante un intento de roubo no seu establecemento. A investigación levada a cabo pola Policía Nacional de Ribeira relaciona a este individuo con outros catro feitos polos que, tras o seu paso polo xulgado, decretouse o seu ingreso en prisión.

O arrestado tivo que responder en sede xudicial como presunto responsable de cinco delitos cometidos entre os días 6 e 22 deste mes. O último feito que se lle imputa tivo lugar hai menos dunha semana nunha pescadería da rúa Galicia da cidade ribeirense, á que presuntamente estaba a intentar acceder forzando unha porta cando foi sorprendido pola Policía. Emprendeu a fuxida a pé e os axentes que estaban na zona non lograron atrapalo naquel momento, pero tras as pescudas realizadas relacionaron ao detido o sábado cun incidente que se saldou con danos no negocio.

O home, de 36 anos de idade, natural de Ribeira e que xa contaba con antecedentes, tamén está acusado dun roubo con violencia no bar Ruada, no transcurso do cal agrediu ao responsable do establecemento cun pau, causándolle lesións na cara polas que necesitou asistencia sanitaria e tivo que permanecer ingresado no hospital comarcal. O agora detido reclamou ao hostaleiro o diñeiro que había na caixa rexistradora cando este se dispuña a pechar o negocio e ameazoulle de morte antes de golpearlle cando o seu interlocutor se negou a darlle a recadación polas boas.

Método do tirón

O ribeirense tamén pasou a disposición xudicial como o presunto autor doutro roubo con violencia, neste caso polo método do tirón. Estes feitos tiveron lugar ao redor das seis da madrugada do 6 de xuño cando arrebatou un bolso con roupa e un teléfono móbil a unha muller xunto ao portal do seu domicilio, en cálea Arcebispo Gelmírez de Ribeira.

O teléfono subtraído nesa ocasión puido ser recuperado, igual que unha cadea e un colgante de ouro que o acusado, presuntamente, arrincou do pescozo a outra muller na rúa Canarias o pasado día 17.

O último delito que se lle imputa é un roubo con forza nun alpendre anexo a unha vivenda da rúa Cervantes, de onde supostamente levou ferramentas e diversos comestibles.