A oferta de prazas de educación infantil crece cunha nova escola en Rianxo

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Begoña Tubío logrou unha autorización excepcional para converter a súa ludoteca nun novo centro con espazo para 29 nenos de 0 a 3 anos

26 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A escola infantil da Galiña Azul de Rianxo é un das sete da comarca que comezaron o curso con todas as súas prazas cheas, e máis dunha ducia de raparigos quedaron en lista de espera en setembro. Que isto ocorra non é novo e a falta de espazo no centro público supón un problema para moitas familias, que ven obrigadas a buscar alternativas. Agora terano máis doado porque a oferta vai aumentar coa posta en servizo dunha nova escola infantil con capacidade para 29 nenos de 0 a 3 anos.

Detrás deste proxecto está Begoña Tubío, con máis dunha década de experiencia traballando con nenos na súa ludoteca Agarimo, que no seu momento veu suplir as carencias de servizos para os máis pequenos máis aló do horario lectivo e que agora dá un paso máis para acoller tamén a bebés de menos de 2 anos, algo que ata agora non podía facer. Falta que lle envíen a confirmación definitiva, pero a autorización da Xunta xa é firme: «Estaba agardando o permiso como un cego pola vista», di entre risos.

O camiño para chegar a este punto non foi doado, tampouco o foron os últimos anos: «Despois do covid, co mal que se pasou, coa ludoteca seis meses pechada e logo abrindo e pechando por positivos... Pero aí seguín, e entendín que tiña que moverme eu para conseguir algo». Con esa determinación, Begoña contactou coa Consellería de Política Social para intentar conseguir a autorización para funcionar como escola infantil. Despois de varias reunións, presentar un proxecto e realizar reformas no seu establecemento para adaptalo ás necesidades dunha instalación destas características, por fin está todo listo para recibir aos primeiros bebés.

Convocatoria excepcional

Neste camiño, móstrase moi agradecida a quen a apoiaron, sobre todo a «todas as familias que seguen confiando en min, e en especial a Javi, un amigo que me axudou na reforma do centro». Non se esquece tampouco do trato recibido por parte da consellería, non en balde, a autorización que lle concederon é excepcional, son moi poucos os casos nos que unha ludoteca recibe luz verde para converterse en escola.

Cumpre, iso si, con todas as esixencias da Administración para atender a pequenos, a única excepción con respecto a unha escola infantil ao uso é o número de aulas. No seu caso son tres, dous nas que se agrupan os nenos de 0 a 2 anos, outra de 2 a 3 anos e a terceira de usos múltiples para realizar actividades diversas. En total, serán 29 novas prazas as que estarán a disposición dos rianxeiros.

A partir do próximo curso, esas prazas serán gratuítas, do mesmo xeito que en todos os centros públicos e privados de Galicia, xa que é a Xunta a que asume ese gasto. Explica Begoña que, aínda que a súa escola estará operativa antes, para que sexa gratis para as familias haberá que agardar a setembro porque ata xuño non se abre unha nova convocatoria para solicitala. Con todo, se o próximo setembro se repite a lista de espera na Galiña Azul, as familias contarán cunha alternativa máis para escolarizar aos seus pequenos.

En canto ao servizo de ludoteca que viña prestando en Agarimo desde hai máis dunha década, non cambiará, xa que existe o que se denominan servizos complementarios para maiores de 3 anos, que permiten ofertar actividades fose do horario lectivo para estes nenos.

«Non foi doado, pero xa está todo listo», conclúe Begoña, ilusionada ante esta nova etapa.