O Mago Paco actuará en Rianxo en favor da asociación É Retina

M. X. B.

RIANXO

Mónica Irago

As entradas xa están á venda na ludoteca Agarimo

22 mares 2024 . Actualizado ás 14:47 h.

O próximo día 6 terá lugar en Rianxo un espectáculo de carácter solidario. Ao escenario subir o Mago Paco, que deleitará ao público cun repertorio de trucos baixo o título Ledicias. O obxectivo desta función, ademais de entreter ao público, é recadar fondos para colaborar con É Retina. Trátase dunha asociación fundada en Asturias, pero de ámbito estatal, que presta axuda ás persoas que están afectadas por retinosis pigmentaria e outras enfermidades dexenerativas da retina.

A organización do espectáculo benéfico corre a cargo do propio mago e da ludoteca rianxeira Agarimo, que xa no pasado promoveu outras actividades con fins solidarios, que contan coa colaboración do Concello rianxeiro. A función será ás 18.30 horas no auditorio municipal.

O ilusionista sinala que elixiu para a ocasión un espectáculo de maxia que está dirixido a todos os públicos. Os trucos estarán aderezados por unha boa dose de humor.

As entradas para asistir xa se poden adquirir, ao prezo de seis euros, na ludoteca rianxeira. Os billetes que sobren poranse á venda no despacho de billetes do auditorio o mesmo día 6, unha hora antes de que se abra o pano.