Outes premiou o traballo de quen fomentan o deporte local

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

Ramón Andrés Pérez e Noa Ibáñez erixíronse como os mellores deportistas do municipio

01 ene 2024 . Actualizado ás 18:05 h.

Co fin de recoñecer o labor das persoas, entidades e institucións que contribúen ao fomento e á promoción da actividade física no municipio, o Concello de Outes levou a cabo a primeira gala do deporte. Para esta ocasión tan especial, ata a casa de cultura da localidade desprazouse unha pobrense que é un referente nacional en lanzamento de xavelina: Lidia Parada, que exerceu de madriña.

A través de varios vídeos, os asistentes á gala tiveron ocasión de coñecer o día a día da atleta, así como os seus principais logros a nivel deportivo e os seus plans de futuro. Lidia Parada foi a encargada de entregar os diplomas aos finalistas, mentres que os premiados recibiron os seus recoñecementos de mans do deputado provincial Antonio Leira; do rexedor local, Manuel González; do concelleiro de Deportes, Ton Caamaño; e dos presidentes das federacións galegas de atletismo e taekuondo, Iván Sanmartín e Juan Carlos Eiriz.

Nesta primeira Gala do Deporte de Outes resultaron premiados Ramón Andrés Pérez Rodríguez e Noa Ibáñez Lema, como os mellores deportistas do municipio; Daniel Abeijón Priegue e Sara Caamaño Caamaño, como as mellores promesas; e Carlos Romero Martínez, na categoría reservada aos adestradores. Tamén recibiron galardóns o Equipo Infantil Mixto Outes F.C. e o Club Baloncesto Outes.

O xurado decidiu conceder á Regata Internacional Eurorrexión 2023 o galardón ao mellor evento efectuado no último ano; mentres que á Confraría de Pescadores San Bartolomeu adxudicoulle o premio ao patrocinio e a colaboración. A lista de galardoados completouse coa mención especial que levou Protección Civil de Outes, polo apoio que lle vén prestando ás distintas actividades deportivas que teñen lugar no municipio.

Ton Caamaño destacou o éxito desta primeira edición dunha cita que nace con vocación de consolidarse no tempo.