A confraría de Noia empeza a promocionar a marca de calidade coa que distribuirá o berberecho

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CEDIDA

O regulamento que elaborou o depósito foi aceptado e só falta o visto e prace do rexistro de patentes

08 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O berberecho de Noia, cuxa calidade é coñecida máis aló das fronteiras galegas, sendo a materia prima de establecementos delicatesen que operan en distintas rexións da xeografía española, xa ten selo de calidade, que a confraría empezou a promocionar a pequena escala, xa que a intención é realizar unha presentación oficial nas xornadas de exaltación do bivalvo que terán lugar entre os días 19 e 22 deste mes.

O regulamento elaborado pola confraría, que establece as condicións de trazabilidade e conservación que debe cumprir o produto para ser comercializado coa marca, xa foi aceptado. No depósito indicaron que no mes que estivo a exposición pública non se presentou ningunha alegación e comentan que só falta o visto e prace do rexistro de patentes de Madrid.

Agárdase que a autorización definitiva chegue nos próximos días e, mentres tanto, algunhas embarcacións de socios da entidade xa locen o logotipo.

Páxina web

Ademais, o depósito ultima a elaboración dunha páxina web que permitirá, entre outras cousas, que as firmas interesadas en distribuír o berberecho coa marca de calidade poidan imprimir os adhesivos acreditativas.

A entidade manterá unha reunión con compradores e profesionais da restauración para que se animen a cumprir os requisitos e usar o selo, que é voluntario.