María Rivas comprobou o estado das obras impulsadas polo Goberno central en Muros

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

María Rivas, en el centro, junto a la alcaldesa de Muros, María Lago
María Rivas, no centro, xunto á alcaldesa de Muros, María Lago cedida

A subdelegada destacou que o investimento no municipio ascende a máis de 1,8 millóns de euros

19 abr 2024 . Actualizado ás 14:12 h.

Dentro da rolda de visitas que a subdelegada de Goberno, María Rivas, está a realizar por toda a provincia, esta mañá achegouse a Muros onde puido comprobar o estado dalgunhas obras financiadas con fondos do Goberno central. Neste sentido, explicou que o investimento no municipio ascende este ano a máis de 1,8 millóns de euros, dos que unha gran parte —1,4— corresponden ao Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep) que permitirán rehabilitar e mellorar as instalacións do instituto Fontexería, así como inmobles do centro histórico muradán.

Ademais, grazas ao programa Único de banda larga, dotarase de conexión a Internet de alta velocidade a 782 vivendas que ata o momento carecían deste servizo. Rivas, que estivo acompañada pola alcaldesa e a primeira tenente de alcalde, María Lago e Caridad González, tamén lembrou que Muros se está beneficiando do Plan de Sustentabilidade Turístico, que conta con 2 millóns de euros de fondos e que permitirá recuperar parte do litoral para abrir novas sendas para persoas e ciclistas, así como zonas de estacionamento de autocaravanas.

Ademais, esta actuación servirá para potenciar o itinerario cultural a Santiago.