Detido un veciño de Muros que roubaba coches coas chaves postas e logo abandonábaos

La Voz

MUROS

GARDA CIVIL

A Garda Civil tamén lle imputa varios delitos de roubos en vivendas de veraneo

12 abr 2024 . Actualizado ás 09:39 h.

Sempre era o mesmo modus operandi: vía un vehículo coas chaves postas e facíase con el. Logo viaxaba uns cantos quilómetros, utilizábao temporalmente, e a continuación decidía abandonalo. Despois de abrir unha investigación seguindo o seu rastro, a Garda Civil acaba de deter a un veciño de Muros ao que considera sospeitoso de varios delitos de subtracción e uso de vehículo a motor. Ademais, impútanselle varios roubos en vivendas deshabitadas, normalmente pisos de veraneo que se atopan baleiros durante o inverno, e de onde foi sacando diversos aveños e ferramentas.

Segundo os datos solicitados polos axentes do instituto armado, para estes últimos delitos posiblemente contaba coa axuda de terceiras persoas para trasladar todo o material roubado. De feito, o gran volume de roubos rexistrado en Muros no último mes levou á Garda Civil a redobrar esforzos para buscar ao presunto autor, e aos seus cómplices, posto que non se descartan novos arrestos nos próximos días.

Na localización deste delincuente foi fundamental a colaboración cidadá que grazas aos datos achegados permitiu localizalo. O arrestado, xunto coas dilixencias instruídas, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de Muros.