O Maio Vintage de Boiro floreceu cun aluvión de visitantes

Ana Lorenzo Fernández
A. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

O bo tempo contribuíu a que a cita de artesanía, música e lecer batese unha nova marca de participación

12 may 2024 . Actualizado ás 19:47 h.

En calquera evento que se prece o tempo sempre é o que leva a voz cantante, e na última edición do Maio Vintage converteuse no ingrediente imprescindible para que a cita boirense fose todo un éxito. De feito, a cancelación da celebración hai unha semana foi unha decisión máis que acertada, porque o balance desta feira non puido ser mellor segundo explicou Suso Santamaría, que calculou que, aínda que non se chegou a duplicar a asistencia da última edición «porque non collería máis xente, si que subiu un pico bastante alto».

O responsable da programación desta actividade recoñeceu que durante toda a mañá a chegada de xente foi constante «é había moi bo rolo e ambiente», pero foi pola tarde noite cando a afluencia foi aínda moito maior. «A pesar do bo día que fai, a xente non foi á praia e estivo aquí, que ten moito mérito», destacou Santamaría, que recoñeceu que para moitas persoas o Maio Vintage converteuse nunha cita ineludible, «e veñen polo evento en si, non porque teñamos a este ou outro grupo, senón polo evento que é», manifestou.

De vinilos a «breakdance»

Os postos de artesanía non faltaron nesta edición do mercado boirense, que xa suma 11, e que nesta ocasión tivo como temática os anos 80, o que levou a moitos comerciantes a ataviarse coa roupa típica desa época. Ademais de casetas de artesanía, había outros máis novos con vinilos de segunda man, así como varios de agasallos e xoguetes, e non faltou unha decoración moi orixinal con xestas.

A música non faltou unha vez máis, e foi durante as actuacións dos distintos grupos e picadiscos cando se concentrou máis xente na rúa peonil de Boiro, na que varios establecementos hostaleiros tamén puxeron o seu granito de area, con barras que sacaron ás rúas para contribuír a crear máis ambiente. Ademais, a programación desta edición do Maio Vintage tamén incluíu bastantes talleres para todos os públicos, e non faltou un obradoiro de breakdance e un concerto de Punkinfantil para os máis pequenos.

Alumnos de varios institutos do municipio tamén quixeron sumarse a esta celebración, e instalaron postos para vender distintos artigos e así poder reunir fondos para as súas excursións de fin de curso. Un grupo de estudantes do grao de Artes do do IES Praia de Barraña tamén aproveitaron a cita para presentar o seu proxecto de fin de curso. Como punto e final á celebración tivo lugar uno sorteo de varios agasallos.