A conserva e o marisqueo, os espazos máis feminizados no sector do mar

D. Vázquez A Coruña / LA VOZ

BOIRO

Sainza Pardal

Ribeira, Boiro e A Pobra lideran a presenza feminina neste ámbito

04 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Na véspera do 8 de marzo, a Deputación da Coruña presentou un mapa das mulleres do mar na provincia, un traballo para o que contou co respaldo da Asociación Nacional de Mulleres na Pesca (Anmupesca). Esta entidade sinalaba como un dos principais retos a falta de datos da ocupación nos distintos sectores, algo que a entidade provincial considera clave para aplicar políticas públicas efectivas no campo da igualdade nun sector primario que non só é un motor económico senón tamén un referente cultural.

Neste mapa destácase o sector conserveiro, coas mulleres sendo o 60,74 % da man de obra nas fábricas, e o marisqueo a pie, co 65,6 %, como os máis feminizados. Pero tamén que os datos seguen reflectindo unha realidade diferenciada por sexo, «reproducindo a concepción social de que os traballos do mar en terra son desenvoltos fundamentalmente por mulleres».

O maior número de mulleres no mar están en Ribeira, Boiro e A Pobra do Caramiñal (1.251, 1.242 e 1.047, respectivamente), ligadas á industria das conservas, que é un gran sector de dinamismo laboral na costa e que en toda Galicia conta con 3.205 traballadoras. Tanto é así, que na Pobra, as mulleres ligadas ao mar supoñen o 63 % da poboación pesqueira, e en Boiro, o 57,4 %.

Respecto ao rol que desempeñan as mulleres, o mapa recolle que as asociadas ás confrarías vincúlanse de xeito maioritario como traballadoras (1.182), máis que como empresarias (166). As porcentaxes serían 33,8 % frontes ao 9,1 %. Xeograficamente hai maior porcentaxe de empresarias nas confrarías do norte: O Barqueiro (33,3 %), Miño (20 %), Camariñas (18,8 %) e Ferrol (18 %), mentres que en canto a número de asociadas destacan en Muros (62,7%), O Barqueiro (58,8%) e Espasante (58,3%).

Por profesión, a maior cifra de mulleres inscritas nas confrarías está no marisqueo a pé (809, das 1.348 socias en total), destacando tamén as 323 mariscadoras á boia (con Noia como máximo expoñente), e as 123 na pesca de baixura mediante artes menores (Rianxo concentra 59 mulleres, e Ferrol, 20). Tamén para resaltar, porque poden ser referentes para outras xeracións, son as 22 percebeiras a pé, as 19 desde embarcación (12 delas en Camelle), as 9 que recollen navallas desde unha lancha, as 6 que xestionan viveiros flotantes, as 5 que traballan na pesca de baixura, as 4 que recollen poliquetos a pé, as 3 que se dedican á pesca de altura e grande altura, e a única profesional na extracción de algas.

O comercio almacenista de peixes, mariscos e outros produtos ocupa case a 2.000 persoas na provincia, das que un terzo (623) son mulleres. No minorista, o colectivo de pescaderos acada a 641 persoas, das que o 70 % son pescaderas (445). «A cidade da Coruña é o territorio onde existe maior concentración de profesionais, dada a densidade de poboación da cidade: 160 mulleres dedícanse á venda de peixe e marisco nas prazas de abastos e establecementos especializados neste concello», especifica o estudo, que sitúa en segunda posición do ránking a Santiago (27 mulleres) e recolle só unha excepción neste caso de predominio feminino, que é Cedeira.

Respecto das redeiras, contabilizan 197 ao longo da costa da provincia, destacando en número as de Malpica (28 socias), Cariño (20), Corme (17), Porto do Son - Portosín (14) e Cedeira (9). 

Ningunha patroa maior na provincia tras as últimas eleccións

Nas confrarías hai 1.348 mulleres inscritas, o que supón un 25,3 % da poboación pesqueira en Galicia. Tras as eleccións do 2023 non hai ningunha patroa maior na provincia, pero si seis vicepatronas e cinco vicepatronas segundas. Nas xuntas xerais as mulleres representan o 18,81 %. O cadro de persoal das confrarías mostra que a maioría das mulleres desempeñan postos de secretarias (21), administrativas (34) e biólogas (21), mentres que os homes son maioría nas vixilancias (53, por só 3 mulleres).

«A presenza anecdótica das mulleres nos postos de representación, xunto con outros retos asociados ás condicións sociolaborais, fan preciso continuar promovendo iniciativas que reforcen o papel das mulleres do sector pesqueiro», recollen os redactores do mapa.

Máis aló de factores numéricos, precisan que aínda que «é certo que existen cuestións xerais que explican en parte esta desigualdade (falta de cultura participativa en xeral, dificultade de que as persoas se presenten aos postos, confrarías nas que a presenza das mulleres é moi baixa, entre outras), existen tamén cuestións de xénero, no sector pesqueiro e na sociedade, que non se deben pasar por alto: unha maior carga dos coidados asumida polas mulleres, a infravaloración das propias capacidades para acceder aos postos de representación, ou unha cultura que supervisa e penaliza ás mulleres líderes, entre outras».

Especialización

Por tamaño, a Confraría de Noia destaca en número de persoas asociadas, sendo a maior de Galicia (1.346 persoas), seguida por Rianxo (518), Ribeira (355) e Cabo de Cruz (324). «Estas confrarías, a excepción de Ribeira, son as que concentran maiores cantidades de mulleres asociadas, dada a súa especialización na actividade do marisqueo a pé, que continúa sendo unha profesión desenvolta principalmente por mulleres», precisa o traballo encargado pola Deputación coruñesa.

Así mesmo, recolle que non hai profesionais femininas nas confrarías de Sada , Mera, Lorbé e Ares, un feito que se Resalta porcentaxes paritarias de presenza na confrarías do Barqueiro, Cabo de Cruz e Muros, onde as mulleres supoñen o 52,2 %, 42,9 % e o 42,1 % respectivamente, sobre o total da poboación pesqueira.

TRABALLADORA DUNHA FÁBRICA DE CONSERVAS EN CARBALLO

Fraga Ferro: «Comecei a traballar trala pandemia e quero seguir»

María Teresa Fraga Ferro ten 44 anos, vive en Carballo, e estaba ligada profesionalmente ao sector da confección, pero explica que a entrega dun currículo en Nauterra (Calvo) permitiulle coñecer un traballo no que agora quere proseguir. «Comecei trala pandemia e quero seguir neste sector. Estou moi contenta co cambio. Como en todo hai que aprender, agora estou como operaria de planta», explica, recoñecendo que é unha profesión que lle permite conciliar. Ten horario nocturno, un feito que lle facilita atender á súa familia. «O principal son as compañeiras, traballas todo en equipo», recalca, e puntualiza que o convenio é bo. Aínda que tivo unha oferta para volver á súa antiga profesión ha decidido continuar na fábrica.