Tiago queda sen excursión a Santiago: non atopan ningún bus adaptado para levalo

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Para participar en una actividad de Voz Natura, la madre de Thiago lo tuvo que llevar en su coche adaptado porque tampoco encontraron un autobús disponible para trasladarlo
Para participar nunha actividade de Voz Natura, a nai de Thiago tívoo que levar no seu coche adaptado porque tampouco atoparon un autobús dispoñible para trasladalo CARMELA QUEIJEIRO

O centro sonense no que estuda o neno con atrofia muscular espinal quéixase dos problemas que teñen para organizar viaxes

14 abr 2024 . Actualizado ás 15:24 h.

El quere pasar o máximo tempo posible con amigos: xogar, nadar, divertirse, ir de excursión..., pero moitas veces todo se complica e os obstáculos non pairan de aparecer. Así o denuncia a súa nai, Carmen Vázquez, que se cansou de loitar contra os elementos que impiden a inclusión real do seu fillo Tiago, que sofre atrofia espinal muscular (AME) e ten que desprazarse en cadeira de rodas. O último revés chegou onte, cando lle comunicaron desde o colexio Santa Irene que están a ter serios problemas para atopar un autobús adaptado para que o pequeno poida viaxar cos seus compañeiros o próximo 23 de abril para ver unha exposición de realidade virtual na Cidade da Cultura.

«El estaba súper ilusionado de poder ir con todos os seus amigos de excursión a pasar o día a Santiago, e paréceme moi inxusto que non o poida facer. Sempre pasa o mesmo, e para que poida asistir a calquera evento teño que levalo eu no meu coche adaptado, e ir el só comigo mentres todos os seus amigos van xuntos no bus», critica a nai de Tiago, que recentemente tivo que facer isto mesmo para que o seu fillo puidese participar nunha plantación de árbores que o colexio realizou en Nebra dentro do programa Voz Natura.

O encargado de organizar as saídas no centro escolar sonense, Suso Rodríguez Boullón, confesa que están fartos de atoparse sempre o mesmo problema e iso que adoitan avisar con moita antelación para contratar o autocar. Explica que a principios deste mes contactaron coa empresa que realiza o servizo de transporte escolar no colexio —Comparado— para dicirlle que necesitarían un bus adaptado para o día 23, para trasladar a Santiago a un grupo de vinte alumnos e profesores.

«Como tardaban tanto en contestarnos pensamos que non habería problema, pero onte (polo xoves) avísannos de que non teñen ningún vehículo dispoñible para esas datas», apunta o docente, que lembra que eles non poden variar o día porque é a Xunta quen programa a viaxe. Rodríguez empezou entón a chamar a outras compañas de autobuses da zona, moitas xa lle contestaban ao momento que «tiñan todo cuberto para esas datas» ou que non dispoñen dun autocar adaptado, e as outras lle pediron que lle enviase un correo para ver a dispoñibilidade, e segue á espera de resposta.

O docente considera «inxusto que Tiago sempre teña que ir á parte dos seus compañeiros», e critica que moitas veces aos políticos, Administracións e empresas énchaselles a boca coa palabra inclusión «e humanización e cada vez estamos máis deshumanizados».

Sinala que no centro sempre poñen todo da súa parte para que Tiago poida participar nas actividades, pero lamenta que «moitas veces temos que recorrer á súa nai para que poida ir». Atopar un transporte adaptado para poder levalo non é o único problema co que se atopan neste colexio sonense, «porque tivemos que deixar de facer unha excursión a Santiago para ver un espectáculo de maxia ao lado de San Martín Pinario porque non había un acceso para cadeiras de rodas, tiñamos que levar unha rampla de madeira para que entrase», denuncia.

Microbuses destinados a centros de día

Desde a empresa de transporte Comparado explicaron que eles dispoñen de dous microbuses adaptados, pero que estes só dispoñen de entre 9 e 12 prazas, e que normalmente os están utilizando para os traslados dos usuarios dos centros de día e residencias. Ademais, teñen un bus adaptado con máis asentos, pero xusto atópase nunha viaxe fóra. «Para esas datas non temos bus libre nin adaptado nin sen adaptar», declararon.