Docentes croatas achéganse ao sistema educativo galego a través do Félix Muriel

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Participan no programa Erasmus +

26 mares 2024 . Actualizado ás 20:29 h.

Dúas profesoras de matemáticas e un inspector de educación de Rijeka, en Croacia , participaron nun intercambio co instituto rianxeiro Félix Muriel a través do programa Erasmus +, que lles permitiu achegarse ao sistema educativo galego.

Durante varios días, as docentes compartiron o seu tempo tanto co profesorado como co alumnado do centro rianxeiro e realizaron varias visitas. O obxectivo da súa estancia en Rianxo era coñecer o sistema educativo de Galicia en xeral, e, en particular, o ensino das matemáticas, así como a formación continua dos profesionais que imparten esta materia nos institutos galegos. Para iso, ademais de pasar polo Félix Muriel, tamén se achegaron a outros recintos educativos, como o IES Rosalía de Castro de Santiago, para coñecer a realidade de diferentes centros.

No marco do programa Erasmus fixeron tamén unha visita á Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela da man da vicedecana, Rosana Rodríguez, ademais de realizar un percorrido polo Centro Autonómico de Formación e Innovación, onde tiveron ocasión de coñecer de primeira man o plan de formación do profesorado que se aplica en Galicia.

Todas esas actividades e experiencias resultaron moi proveitosas para os visitantes croatas e, de feito, esta primeira visita a Rianxo serviu para crear novas sinerxías para futuras colaboracións entre todas as institucións e entidades educativas que forman parte do proxecto europeo.