Emilio García Gómez gaña a primeira etapa da Challenge Volta ó Barbanza A Orixe

REDACCIÓN RIBEIRA

BARBANZA

Carmela Queijeiro

Este domingo os participantes enfrontaranse a unha segunda volta de case 90 quilómetros

23 mares 2024 . Actualizado ás 22:19 h.

A primeira etapa da Challenge Volta ó Barbanza A Orixe tivo o seu punto de inicio e chegada en Boiro, na rúa Principal, á altura da praza de Galicia. Despois de 97,1 quilómetros, nos que deu tempo a pasar tamén polo municipio de Rianxo, Emilio García Gómez, do equipo Maguisa Guijuelo, impúxose na liña de meta.

Para a xornada deste domingo hase disposto un percorrido de 89,4 quilómetros, partindo ás 11.30 da Pobra, que será esixente e que levará aos corredores tamén pola localidade de Ribeira. Os ciclistas sairán da praza Maior e entrarán na capital barbancesa pola avenida da Coruña ata a rotonda de Padín para logo virar á avenida de Ferrol, onde estará instalada unha meta volante.

Porán rumbo ao hospital comarcal e logo subirán o alto de Moldes para regresar ao centro urbano da Pobra e volver facer o mesmo percorrido cunha variación. No canto de encarar o alto de Moldes desde a rotonda do hospital, os participantes continuarán ata o cruzamento do colexio para enlazar coa DP-7303, logo circular pola CP-6075 e, finalmente, enlazar coa AC-302 para coroar e logo baixar cara á meta no paseo do Areal.