A costa de Barbanza, un oasis no que se refuxian as aves mariñas vulnerables

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

A illa de Sálvora conta coa maior colonia de gaivota patiamarilla de Galicia

15 mares 2024 . Actualizado ás 17:19 h.

A elevada mortaldade de gaivotas en distintos puntos da costa de Barbanza, especialmente significativa nos últimos anos en Sálvora e as demais illas do parque nacional causou alarma porque, aínda que poida pensarse o contario, estas aves teñen un papel importante no mantemento dos ecosistemas. Tanto é así, que hai unhas semanas a Xunta publicaba unha monografía co censo actualizado de diversas especies mariñas co obxectivo, non só de coñecer cantas colonias hai e onde están, senón tamén información para o deseño de medidas para garantir a súa conservación. E é que entre as aves que frecuentan o litoral hainas especialmente vulnerables e que, xa que logo, están protexidas. Estes animais atopan en territorio barbancés un oasis no que refuxiarse, como evidencia a publicación da Consellería de Medio Ambiente.

Son varias as especies recollidas no censo. A máis abundante é a gaivota patiamarilla, que aínda que non aparece entre as vulnerables, viu reducirse significativamente o seu número nos últimos anos. No 2011, no Parque Nacional Illas Atlánticas había censadas 11.000 parellas, nos últimos dados recompilados, 11 anos despois, son 6.360, das cales 2.763 forman a colonia de Sálvora. No conxunto de Galicia a cifra ascende a 13.049, e un terzo están localizadas en Barbanza, con agrupacións significativas en espazos urbanos como Muros e a cidade de Ribeira, con 109 e 107 parellas, respectivamente.

Réxime especial

Si está baixo un réxime de protección especial o gaviotón, especie da que hai contabilizadas 17 parellas reprodutoras en toda Galicia, cinco das cales se atopan en Barbanza, en concreto en Ribeira e as illas de Rúa, Vionta e Sálvora.

En canto á gaivota escura, máis da metade do medio centenar das colonias censadas atópanse tamén na illa de Sálvora, onde se localizaron un total de 27 parellas.

Outra das aves mariñas ás que a Consellería de Medio Ambiente presta especial atención é o corvo mariño cristado, especie clasificada como vulnerables nos catálogos galego e español de especies ameazadas. A súa presenza na área barbancesa é menor, con exemplares localizados en Falcoeiro, Rúa, Noro e Sagres, onde se contabilizaron 39 parellas.

Na mesma categoría é aves ameazadas aparece o paíño europeo, tamén en réxime de protección especial. Existe un baixo número de colonias e un importante grao de descoñecemento sobre a súa localización. Hai apenas 71 parellas en Galicia, e unha está en Ribeira. Para rematar, confirmouse a presenza de gabita en Sálvora, Noro e Vionta, onde se avistaron 8 dos 17 pitos nados no 2022.