Megaexcursión desde Lampón e Posmarcos

BARBANZA

Medio centenar de veciños visitaron Viena, Praga e Budapest

07 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa están acostumados os fregueses das parroquias de Lampón (Boiro) e Posmarcos (A Pobra) a participar en viaxes organizadas polo cura, Macelino Sánchez, que é todo un experto na materia. Pero unha vez ao ano realizan unha megaexcursión das que deixan unha pegada indeleble na memoria. A última tivo como destinos Viena, Budapest e Praga.

O certo é que o destino que tiña en mente o párroco era outro moi diferente. A súa idea era viaxar a Exipto e mesmo tiña o itinerario pechado e os hoteis reservados, pero a delicada situación que atravesa Oriente Medio debido á guerra en Gaza truncou os seus plans e no último momento decantouse por tres capitais do centro de Europa que non defraudaron aos turistas.

A ruta comezou en Viena, onde a delegación barbancesa, formada por case medio centenar de persoas, tivo ocasión de coñecer os atractivos máis destacados, como o Palacio Belvedere, a catedral de San Esteban, o Museo de Belas Artes, a Praza dos Heroes ou a ópera.

Na segunda escala do itinerario, Budapest, o grupo penetrouse nas rúas do centro histórico, visitou o edificio do Parlamento e mesmo gozou dun paseo en barco polo Danubio. Tras unha parada en Bratislava, os excursionistas deixáronse marabillar polos encantos de Praga. A ponte de Carlos, a praza Vella, o castelo que domina a cidade, a Ruela de Ouro... E antes do regreso a Barbanza, a delegación pasou un día en Karlovy Vary, a cidade balneario máis grande da República Checa.

Nin que dicir ten que todos os participantes quedaron encantados coa viaxe e están xa á espera de que Marcelino Sánchez oferte o próximo. E el, desexoso de satisfacer aos seus fregueses, xa o ten en mente. Explicou que, de cara a finais de ano, se a situación mellora en Oriente Medio tratará de retomar a excursión que quedou pendente a Exipto ou, como alternativa, proporá Istambul como destino.

Pero antes, cara a finais de xuño, prevé facer unha ruta por Roma, Florencia, Venecia e algunha que outra cidade italiana: «Xa hai máis de 30 persoas anotadas».

Álbum repleto. A delegación barbancesa regresou cun nutrido álbum de fotografías. O Reloxo Astronómico de Praga, o aeroporto de Madrid e a cidade balneario de Karlovy Vary foron algúns dos escenarios elixidos para inmortalizar a inesquecible viaxe.