Pablo Romeu: O mozo que aprendeu a producir música en casa

Laura Grela / A. L. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

O noiés foi un dos seleccionados para participar no laboratorio de creación da SGAE en Galicia

03 sep 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

U2, Amaral e O Canto do Tolo son algúns dos grupos que compuxeron a banda sonora da infancia de Pablo Romeu (Noia, 1999). Na súa casa sempre se escoitou moita música. Os seus pais son grandes amantes do blues, polo que era un xénero que o noiés escoitaba constantemente. Con todo, o seu gran modelo en canto a gustos musicais foi a súa irmá: «Ela sempre me andaba a ensinar aos artistas que ía descubrindo, algúns deles seguen a ser meus referentes a día de hoxe».

Sempre tivo gran interese pola música e por como se constrúe. Non ter a posibilidade de estudar linguaxe musical non foi impedimento suficiente para encamiñar a súa vida nesta dirección. Debido ao seu esforzo e, sobre todo, ao seu empeño, o mozo conseguiu este ano ser un dos seleccionados para o laboratorio de creación musical que organiza a SGAE.

Comezos

Sin duda a universidade marcou un antes e un despois na vida do artista. El estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela. Na capital galega comezou a coñecer xente que se movía no ámbito musical e a introducirse, de forma autodidacta, no mundo da produción: «Empecei a facerlle as bases a compañeiros da universidade». Dentro deste campo experimentou moito coa técnica do sampling, terreo no que confesa que se sente máis cómodo.

No confinamento deu un paso máis e púxose diante do micrófono. Comezou a producir e a compor as súas propias cancións. Nese momento nace Rhome, o seu nome artístico. Deses primeiros temas sae Ambiente, froito dunha colaboración con Verto Temazos coa que conseguiu unha maior exposición: «Compuxen e producín o tema. Unha vez feito, pensei que lles podería gustar así que lanceilles a proposta por mensaxe directo en Instagram e acabamos cantando xuntos».

O noiés continuou sacando cancións e buscando novas oportunidades. Confesa que descubriu o laboratorio de creación musical con moi pouca marxe: «Faltaban só dous días para que acabara o prazo, pero pareceume unha oportunidade que non podía perder». Isto produciu que pasase toda a noite sen durmir facendo o dossier de presentación e arranxos en varios temas. Con todo, o atracón valeu a pena e puido gozar dun curso intensivo a cargo do famoso cantante Iván Ferreiro durante unha semana e, tamén, dunha bonificación económica para levar a cabo o seu proxecto.

O curso tivo lugar en febreiro. Pablo Romeu cualifica a experiencia como «moi enriquecedora». Está moi agradecido por ter tido a oportunidade de traballar co artista nigranés e de todas as charlas que mantiveron durante o proceso: «Que unha persoa que respecto tanto confiara tanto en min e no meu proxecto, significou moito e foi un empurrón moi grande».

Proxecto persoal

Meses despois do curso, atópase xa cos últimos retoques: «Busco a autenticidade, polo que está sendo un proceso lento pero moi bonito». Subliña que o proxecto presenta unha gran carga emocional, polo que a gravación é mesmo terapéutica. Nel trata temas como o proceso de crecer e o duelo: «Non é tanto a dor de perder a alguén, se non a que sentimos pola persoa que eramos e deixamos de ser». Todas estas emocións se transmiten cunha serie de temas con toques de blues, hiphop e tamén folklore: «Non hai un xénero en específico que predomine, máis ben é todo moi experimental».

Este verán foi moi importante para a carreira de Romeu: «Comecei a facer moitos máis concertos». Vén de actuar no fogar do famoso poeta Uxía Novoneyra, Folgoso do Courel. Alí realízase o Festival dous Eidos onde a poesía e a música mestúranse nunha contorna única. Ademais, está consolidando a súa faceta como produtor: «Estou a traballar con varios artistas xa a nivel nacional. Dentro de pouco xa comezaran a saír á luz».

É cuestión de tempo que o nome de Rhome estea presente cada vez en máis carteleiras: «Polo de agora, xa me abrín moitas portas que antes tiña pechadas». Entre os seus obxectivos actuais atópanse seguir traballando, aumentar os seus contactos e, sobre todo, gozar co proceso.