Lara Iglesias gañou o galego sub-18 de xavelina e xa é décima no ránking mundial

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

A deportista do Atletismo Barbanza tamén estableceu unha nova marca autonómica na categoría

27 may 2023 . Actualizado ás 17:19 h.

Lara Iglesias , do Atletismo Barbanza, proclamouse campioa galega sub-18 de lanzamento de xavelina cun rexistro de 51,15 metros, o que supón o seu mellor lanzamento de sempre e sitúaa no décimo posto do ránking mundial, terceira española da categoría e, ademais, estableceu unha nova marca autonómica.

Por outra banda, esta semana varios deportistas do Atletismo Barbanza participaron na cuarta xornada de lanzamentos de Lovelhe , en Portugal. Sara Caamaño logrou o resultado máis destacado ao facerse coa vitoria na proba de peso sub-14. Na súa estrea na tempada, a barbancesa fixo o seu mellor marca persoa, superando en máis de medio metro a anterior, e, ademais, supuxo o mellor rexistro español da categoría este ano.

En lanzamento de xavelina, cunhas condicións de vento non moi propicias, competiron Lara Iglesias , Enzo López e Sergio González. Este último finalizou na segunda posición no apartado sub-20, quedándose a tan só un metro do seu tope persoal. Lara Iglesias non tivo boas sensacións en ningún momento e acabou cun pleno de nulos, pero onte recompúxose no galego que se disputou na Coruña. Pola súa banda, Enzo López tivo que abandonar a competición por molestias físicas.

Hai uns días, o estadio da Alta tamén acolleu unha xornada de promoción de atletismo en pista. Unha iniciativa do club pobrense que conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte e do programa Xogade, e na que participaron preto de 70 nenos do CEIP Rosalía de Castro de Padrón.