Santiago Freire, do PP, xa é o alcalde de Noia

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA | LA VOZ

BARBANZA

Como estaba previsto, a moción de censura prosperou cos dez votos dos populares e o NOIA

17 feb 2016 . Actualizado ás 18:22 h.

«Compromiso, compromiso e compromiso para traballar por Noia» é o que prometeu o popular Santiago Freire nada máis ser investido alcalde do municipio noiés. Como estaba previsto, a moción de censura presentada contra o socialista Miguel Paz prosperou devolvendo a alcaldía a mans do PP case unha década despois de perdela. 

A sesión transcorreu nun pavillón municipal abarrotado entre aplausos, asubíos e apupos que o respectable dedicou aos concelleiros dun e outro bando. O xa exregidor Miguel Paz fixo bandeira da honradez e a transparencia durante os seus meses de mandato, mentres que Freire instou ao PSOE a aceptar a situación igual que o PP aceptou que se formar se un goberno alternativo ao seu en xuño a pesar de ser a conservadora a lista máis votada e quedar a un edil da maioría absoluta.

Julio Bustelo, portavoz do PP, enumerou as cuestións que levan ao seu grupo a falar de parálise na xestión municipal nos últimos meses, mentres que o socialista José Manuel Lage non escatimou en reproches aos dous concelleiros do NOIA que romperon o pacto de goberno co PSOE para aliarse con Freire e de quen dixo que «actuaron con deslealdade, como tránsfugas». Tamén a concelleira do BNG, Irati García, reprochou aos independente a ruptura do «acordo tácito» que permitiu a Miguel Paz acceder á alcaldía en xuño co apoio de nacionalistas e Marea Cidadá. A intervención máis acesa do debate foi a que protagonizou o portavoz deste último grupo, Manuel Seijas, que dixo de Freire que é unha persoa «que non merece ser alcalde de Noia» polo seu voto en contra da retirada da lei de acuicultura no Parlamento autonómico. En canto ao NOIA, tomou a palabra José Pérez, que manifestou o seu apoio «rotundo» a Marisol Villar despois da denuncia dunha suposta caixa B que ela xestionaría para organizar unha viaxe a Benidorm e defendeu que a decisión de apoiar a investura do candidato do PP tomouna a executiva do partido por maioría tras sete meses de goberno nos que comprobaron que a xestión municipal non funcionaba.

Tras as intervencións de todos os portavoces municipais, chegou o momento da votación, na que prosperou a moción de censura cos votos dos oito concelleiros do PP e os dous do NOIA. Foi Marisol Villar quen entregou a Santiago Freire o bastón de mando que ostentará durante os próximos tres anos.